Valentín Paz-Andrade e as artes
Autor: Miguel Anxo Seixas Seoane
Data de publicación: Abril 2012
Medio: Catálogo da exposición
Na historia de Galicia hai algún coleccionista de arte. Non abondan, pero hainos. Moitas das súas coleccións foron endeben doadas, vendidas, endemal, estragadas. A primeira sala de exposicións rexistrada inaugúrase o 1 de maio de 1838 na rúa de santo Andrés, na Coruña. Con todo, os artistas amosaban a súa obra nos obradoiros ou nos escaparates das tendas das cidades. Houbo coleccionistas doutras materias, pois de 1845 é a doazón á Universidade de Santiago da colección de malacoloxía de Gerónimo Piñeiro de las Casas. Por parte, o científico Victor López Seoane comeza en 1864, en Cuntis, a súa de liques.
A arte galega profana, da idade contemporánea, fórmase, logo dos comezos de Juan Alonso Cano e Ramón Gil Rey e a primeira exposición de arte galega na Coruña en 1848, con Jenaro Pérez Villaamil, que precorre Galicia en 1849. Logo coas creacións das escolas de artes nascidas fórmanse novos artistas que tentan captar no plano o que os rodea. Prodúcese así unha tradición que continúa con Dionisio Fierros, Serafín Avendaño, Garabal Louzao, Isidoro Brocos, Carmen Bamiano, Manuel Ángel Álvarez, Modesto Brocos, José Fenollera... e chega deica nós. Canda eles xorden os admiradores e os compradores desas obras e as galerías de arte e os museos.
Un dos primeiros coleccionistas de arte rexistrados puido ser o compostelán Antonio Romero Ortiz, que comeza en 1868, e que os seus parentes queren doar en 1915. José Villaamil y Castro deposita parte da súa para que abra o Museo arqueolóxico central de Galicia, en Santiago, o 20 de xullo de 1884. O mesmo fará Arias Sanjurjo co Museo do Seminario de Estudos Galegos, en Santiago, en 1924 e en 1929. Coleccionista era José Policarpo Sanz Souto, de Marín, emigrante e morto en Nova Iorque, en 1889, legado que a súa viuva doa o Museo de Vigo en 1936. Outros próceres e filántropos galegos mercaron obra.
En fin, os artistas galegos van amosando as súas obras nos seus estudos, nos escaparates de tendas e logo nas galerías de arte e nas salas de exposicións. Ilustran os libros e as revistas e as publicacións periódicas dende 1839 e as súas obras tamén se presentan a certames pictóricos en Madrid ou noutras capitais europeas e americanas. En Galicia a primeira exposición de arte inaugúrase na Coruña o 15 de xullo de 1848, á que lle seguirían outras en 1849, na mesma Coruña, e en 1858 xa en Santiago, organizada pola Sociedade Económica de Amigos do País.
A arte traduce o fito diferencial galego e xorde canda o rexurdimento literario e musical que se produce dende 1845 e acompáñao. Mesmo ilustra as capas deses libros ou as súas páxinas interiores, como a segunda edición de Proezas de Galicia de José Fernández Neira, publicado en 1893, ilustrado por Román Navarro e por Urbano González Varela.
Valentín Paz-Andrade, nado en Lérez, en 1899, tivo contacto coa arte en Pontevedra e no ensino e na vida: un parente seu, frei Juan Arribas, prior no convento de Lérez, tiña algunha obra de arte sacra. Valentín, que estuda para avogado en Santiago de Compostela, ten outra afección, a literatura pois na súa familia ten un tío paterno poeta, Juan Bautista Andrade. Cando estuda na Universidade de Santiago, dende 1917 a 1921, contacta con outros escritores e de certo con algún artista que nela residía. Amais exerce de xornalista, o que arrequece o seu coñecemento intelectual de Galicia. Avogado e xornalista, o contacto con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, residente en Pontevedra dende 1916, funcionario pero sobre todo artista recoñecido, foi fructífero na súa formación e na súa percepción. A súa colección de arte comezaría co Autorretrato de Castelao, debuxado en 1921, que lle regalou como adoitaba facer cos seus amigos. Amais, Valentín foi o presentador da exposición de Nós, o 27 de maio de 1922, no Salón Recreo de Artesanos en Pontevedra.
O xornal Galicia, de Vigo, pediralle a Castelao a súa colaboración como humorista gráfico, pero tamén incorpora entre outros, ó fotógrafo Ksado. O 25 de xullo de 1922 sae a primeira entrega da coaboración humorística de Castelao. Vólvelle presentar a Exposición Nos o 26 de maio de 1923 no Ateneo de Vigo. Castelao, para o 25 de xullo de 1924, faille unha caricatura e ese mesmo ano debúxalle o seu retrato. Valentín tratou a outros artistas e algúns deles serán colaboradores na revista Industrias Pesqueras, que aparece en 1927 na que el publicará e dirixirá.
Compartiu o proxecto galeguista e convenceu a Castelao para participar na política dende 1931. Mesmo el é o responsable da caricatura que lle fai a Castelao o caricaturista Luis Bagaría o 18 de setembro de 1931 en Madrid.
Amais desa amizade, desa participación nese proxecto político común, está por riba a súa admiración pola figura de Castelao e fixose cunha ampla colección de debuxos humorísticos del publicados no xornal Galicia e en Vida Gallega. O seu arregusto polas artes chegaba ata as obras e proxectos do arquitecto Antonio Palacios ou de Camilo Nogueira, que lle fai unh escultura en madeira, ca. 1933.
O seu contacto con case todos os grandes artistas galegos continuou logo da guerra civil. El prologa a segunda edición de Estampas compostelanas do fotógrafo Manuel Ksado en 1948. Na súa primeira viaxe a Buenos Aires en 1950 encóntrase co exiliado Luís Seoane, ó que admira, e do que logo posuirá obra. A Laxeiro, que lle pintou un retrato en Galicia, arredor de 1945, con motivo da segunda viaxe a Buenos Aires aparecen riscados algúsn debuxos. A maior abastanza, das súas viaxes a países de América ou de África sempre traía mostras de arte popular.
Valentín propúxolle ó alcalde de Vigo, en 1964, converter o Museo de Vigo, Castrelos, en Museo de arte galega. Prestou obra para exposicións e doou outra (Museo Carlos Maside, en Sada)
Viviu rodeado de arte, pois posúe encargados, mercados ou regalados obra de Antonio Fernández, de Carlos Sobrino, de Maside, de Seoane, de Arturo Souto, de Urbano Lugrís, de Laxeiro, de Palmeiro, de Torres, de Pesqueira, de Faílde, de Imeldo Corral, de Laverde, de Mario F. Granell, de Prego, de Sevillano, de X. Piñeiro, de M. Ruibal, de Isaac Díaz Pardo, de Xosé Díaz... Cerámicas de artistas feitas en Sargadelos ou figuras de Antonio Medal feitas en Arcade.
Os catálogos dos artistas forman parte da súa biblioteca e os seus poemarios están ilustrados por artistas: Pranto matricial de xaneiro de 1955, publicado en Buenos Aires, deseñado por Luís Seoane, ten debuxos de Colmeiro, de Maside, de Souto e de Torres. Carlos Maside e máis Seoane deseñaron as capas dalgúns dos seus libros de economía. Xosé Otero Abeledo, axeiro, ilustra os seus poemarios Sementeira do vento, Vigo, 1968, e Cen chaves de sombra, Sada, 1979.
En fin, Valentín Paz-Andrade, o principal valedor, daquela, da economía galega, o oso e a freba da terra, era un gozador do seu alento, a lingua, e do seu rostro, a arte.