A evolución tras-continental da lingua galaico-portuguesa
Autor: Valentín Paz-Andrade
Data de publicación: maio de 1968
Medio: O porvir da lingua galega. Círculo de las Artes.
(Extracto do texto de 1968, incluido no volume colectivo O porvir da lingua galega, editado polo Círculo das Artes de Lugo)
Da teimosía nunha óptica revirada ao pasado ningún proveito poderá agardarse. Con conciencia do mal, ou sen ela, semellante visión é a que mantén aínda hoxe, envolto nun senso reverecial de reliquia, ao idioma galego. Dunha banda, polo fenómeno de marxinación, que xa leva durado máis de catro séculos. Resulta, quéirase ou non, da presión asimilista que exerce o castelán oficializado.
Doutra banda, polo complexo de inferioridade, que ao redor da fala propia aquela marxinación provocou na área de nacenza. A proscrición do uso nas escolas, no culto, nas relacións administrativas, etc., tiña que carrexar a longo termo, cando menos, esta pauliña serodia da auto-subestimación. Máxime na poboación monolingüe, que aínda hoxe chega ou pasa dos tres cuartos da total.
Temos diante de nós un “status” posicional vicioso e falaz, que algún día entrará no desexo. Mais para conquerir tan lexítimo obxectivo, non abonda coa denuncia isolada e teórica. Cando menos se se exerce como deica agora, arrequecida nos sentimentos reivindicativos e pouco máis.
Recuncando neste xeito de obrar, é ben seguro que non se vencerá a xordeira das esfinxes entronizadas. Mais a cousa podería mudar de vez, se fósemos homes dabondo para ligar o problema do idioma a un pensamento social moito máis que á reacción sentimental.
Fai falla escomenzar poñendo en destaque, entre os valores que a nosa lingua conserva, a súa capacidade com o “medio de comunicación”. Chegou o intre de cifrar a imporancia do idioma -máis que na súa orixe e os seus servizos á creación literaria ou histórica-, no censo das persoas que valéndose da ferramena verbal recibida no lar, poden entenderse polo ancho mundo. Ao mesmo tempo compre ter en conta a evolución previsible das magnitudes demográficas que veñen avencelladas, na comunidade lingúística, resultante dun arriscado proceso histórico.
AVENTURA MUNDIAL DA LINGUA
“Da Galiza recibimos -escribira Theófilo Braga- lingua, poesía e aristocracia”. Mentres a Reconquista progredía a lingua ía espallándose polas terras do Poente ibérico. Por unha banda, os macizos de Castela, onde toda posibilidade de espandemento acabara. Por outra, a infinitude do océano, aberta a moitas aínda veladas infinitudes.
Dende a ourela do Douro, vixiada polas ameas do Castelo de Guimarães, o avance do galego proseguiu até a Ponta de Sagres, cravada no rosa náutica por Henrique o Navegador. Mais a xeira non chegara daquela nin á metade do camiño.
Despois viría o lanzamento sobre os espazos ignotos. Após do drama das armas sebastianistas na África, con mariñeiros, capitáns, descubridores barbudos, misioneiros alumeados, conquistadores e poboadores, o galego converteuse en verbo da epopea marítima e do Imperio de Portugal. Eis a grandiosa aventura mundial que viría chamado a correr o primoxénito do latino
Con ela fíxose adulto como idioma do mundo moderno. Do mundo que naceu das Descubertas, en sorte parella co castelán. Non se pode esquecer que despois, a existencia externa do galego resultou condicionada polo fondo ecolóxico e vivencial doutras terras, outros climas, outras razas... E que un idioma “est né de la vie, comment la vie, aprés l'avoir créé, l'alimente” (Henri Berr).
Non podían deixar de producirse influxos, e adaptacións, chamados a disminuír a identidade formal, entre a ponla primitiva e a fortemente evolucionada e longal. Mais unha e outra pertencen á mesma árbore lingüística. As diferenzas de fonación ou de grafía non son barreira infranqueábel para o entendemento recíproco. Non anulan, nin como medio de comunicación, nin como “outillage mental” da cultura.
Só desrespeitando o resultado histórico de tan fecunda andadura, se pode deixar de comprender que hoxe pouco representa o destino autónomo da fala galega. O que importa, por riba de todo, é o destino conxunto da lingua galaico-portuguesa. A integración e desenvolvemento dun dos grandes dominios lingüísticos da civilización atlántica.
O MAPA DA FALA COMÚN
O mapa da lingua de Camõens e de Rosalía abrange terras de catro continentes. Atendendo ao censo dos que a usan, clasifícase no terceiro posto entre as linguas neolatinas. Despois do inglés e o castelán, é tamén a terceira das Américas.
Hoxe o cómputo anda polas beiras dos cen millóns de falantes. Todos se entenden, ou pódense entender, nas mesmas voces. O feito de que algunhas desemellanzas se apreciaen na fonética ou na escritura non mingua validade ao xuízo.
Do total daquel censo, mais dos oitenta millóns cicen só nun país. O que ha de ter sempre papel gravitante no conxunto, non soamente pola forza do número.Hoxe tamén pola súa puxanza económica e a xerarquía da súa literatura.
Compre engadir que, ente o continxente supermaioritario do Brasil, e o núcleo orixinario, aquelas desemellanzas son minguadas. Maiormente no idioma escrito. O exemplo da prosa de Guimarães Rosa, entre outros menos ao día, constitúe o mellor testemuño para reforzar a nosa apreciación.
Os datos que describen o expandemento xa arrecadado pola lingua galaico-portuguesa son impresionantes. Mais o son moito menos do que terán de ser ao cabo dalgúns decenios. Os índices de crecemento demográfico e tamén económico do Brasil fornecen proba anticipada da realidade que está a vir, moito máis densa e próspera aínda da que hoxe existe.
Tardarán máis, se se quer, outros países, como Angola ou Mozambique, en chegar a unha escala de maior desenvolvemento. De todos os xeitos, a descolonización nunca poderá incluír a lingua, o seu mellor herdo, definitivamente xunguido á historia futura de moitos pobos chamados a conquerir fortes aceleramentos no ritmo da súa expansión.
Polo tanto, dentro da comunidade, o valor-espazo cantoto o valor-tempo da nosa lingua, son ben claros. O primeiro é dunha realidade grandiosa. O segundo vén ser hoxe tan positivo como prometedor cara o mañá. (...)
UNIFICACIÓN POLA LINGUA
Lingua do pobo e dos trobadores era o galego que no século XIII Dom Diniz, Rei labrador, plantador e poeta, converteu en idioma oficial do seu Reino. Daquela, Galiza e Portugal mantíñanse aínda en certa unidade de espírito. Foi tan gloriosa simbiose o berce remoto do espectáculo cultural, que hoxe podemos contemplar e vivir.
De tan nobre orixe sobreviven realidades sociais cheas de fecundidade. As que fixeron posíbel, a despeito de diferenciacións raciais, de continentes e de hemisferios, paralelos e meridianos... que un labrador de Castroverde poida parrafear cun “facendeiro” de Rio Grande do Sul, que un mineiro de Silleda poida entenderse mao a mao cun “garimpeiro” que arrinca diamantes en Rochedo ou Corguiño (Matto Grosso); unha regateira do Berbés ou do Muro da Coruña cunha varina de Peniche ou de Porto Alegre; un intelecural luso-galaico cun “bugre” dos Campos Gerais.
Cantos galegos labraron despois fortunas inmensas en Lisboa ou no Brasil, saíron da terra cunha man diante e outra detrás. Non manexaban máis arma que a súa lingua para vencer na emigración. Sen ela, os fados que lle foron agarimosos, teríanse afastado do seu camiño. Sen ela, e sen coñecemento suficiente doutra fala, a franquía que a comunicación proporciona non lle abriría a porta de estraños países.
As verticais gaiolas de ferro e cimento, que alonxan a febre dos negocios en São Paulo, Rio, Santos, Belo Horizonte, Recife... están poboadas de voces galegas.
As que foron arrincadas ás cordas do pobo desde Airas Nunes a Macias, pasando polo Rei Sabio. As voces nas que rezan as negras da Bahia noveladas por Jorge Amado, as mesma oracións que se ofrecen ao Bon Jesus de Braga ou á Virxen da Franqueira. Unificación pola fe, que no caso non é simple exemplo de sincretismo relixioso, pois presupón outro xeito de unificación. A unificación pola linguaxe.
CHAVE DOS MUNDOS PECHADOS
Ningún experimento mellor que o de mergullarse por certo tempo nesta estalante bulsa do orbe, escoitar a disforme cadencia dos seus latexos, tomar o achego dos feitos violentamente diferenciais, para coñecer a percusión, profundamento humano, do fenómeno socio-cultural a que me veño referindo. Hai xa algúns anos percorrín, cuase de ponta a ponta, a xeografía lingüística galaico-portuguesa. Poucos ensinos máis fecundos, para un galego de hoxe, que o recibido da comunicación na súa lingua, cos inmigrados xaponeses radicados en Campo Grande ou Cuyabá ou explorar a i-alma dos tupís-guaranís que baixa da tribo ao mercado das cidades, por citar só dous exemplos.
Almas pechadas a cal e canto nos muros do ancestro racial. Soamente poderían abrirse un pouco para os estraños ao conxuro da fala común. Penso que non é pequena regalía dispoñer dunha chave máxica para penetrar no segredo de mundos morais tan diferentes do noso. ¿Non vén ser un privilexio do meirande valor humano?
Descubrírono ben a tempo os misioneiros das relixións militantes. En troques, non parecen sospeitalo os que podendo favorecer a plena rehabilitación da lingua nativa, escomenzando pola escola, igrexa, os medios audio-visuais... mantéñense afincados na teimosía da marxinación.
POSICIÓN CARA O FUTURO
A área de espallamento da lingua galaico-portuguesa non fica limitada a dous continentes. Mais xa se sabe que Europa e América serán os escenarios do seu futuro, como son do seu presente.
Ninguén pode con certeza aventurar prognósticos, sobre se o censo de falantes manterá no día de mañá a proporcionalidade que hoxe garda co censo do castelán. O crecemento explosivo do Brasil alimenta non poucas dúbidas. Aínda seguindo as cousas do mesmo xeito -con superioridade numeral do idioma de Cervantes- o problema da coexistencia e da evolución de entrambos sistemas de comunicación non perderá interese socio-cultural.
Moito máis, tendo a emigración española proclividade histórica para escoller os das Américas como países de acollemento. Este e outros imperativos farán sempre inxustificábel que do mesmo lado se manteña unha posición inhibitoria, cando non subestimatoria, para a ponla orixinaria da terceira das linguas faladas máis alá do Atlántico.
Non debera botarse a esquecemento o fenómeno de subordinación entre o florecimento das linguas e o desenvovemento das sociedades a que veñan incorporadas. Aínda que da parte do Estado se persistise en abandonar o galego á súa sorte, a lingua extravernácula seguirá evolucionando e mellorando as súas marcas nos territorios que a porfillaron. De xeito que ao descoñecer este proceso multiplicador, sen proporcionar a Galiza axudas para acompañalo, serán tamén os intereses xerais de España os que resulten danados. Sufrirían a perda da mellor vía de influencia humana, económica e cultural, no trópico ultramarino.
Só pola coexistencia activa do castelán co galego, sen servidume nin aldraxe dun sobre outro, poderá establecerse neste orde de relacións unha posición contaxiosa cara ao porvir. Unha posición que aínda España pode aproveitar a fondo, grazas a que a lingua oficialmente leixada non se perdeu. Unha posición que para si quixeran norteamericanos, rusos, ingleses, franceses, ou italianos para aumentar o seu influxo en terras que sempre lle encheron o ollo.
Soamente valéndose do túnel lingüístico do Noroseste, hoxe tan pouco aberto, a cultura e a economía españolas poderían expandirse naquel fabulosos mundo. O cobizado mundo do porvir, ao que a esquecida Galiza vai xa para cinco séculos, trasmitiu o seu herdo máis glorioso, nos lusitanos beizos de Pedro Álvarez Cabral. (...)
VARIACIÓNS DA UNIDADE
Lembremos que o “romance de labradores” pasou ao idioma de Portugal nacente, após de ter recibido na terra galega a primeira formación. Xa callara con esgrevia brillantez na prosa dos códices medievais e na lírica dos Cancioneiros. Porén, ao ficar partido en dous, algo tiña de magoarse a unidade formal da lingua.
A fase interna e a externa tiveron despois un desenvolvemento autónomo, e tamén asincrónico, aínda ligado pola estructura común. Nada ten de estraño que ao cabo de séculos os resultados non foran cento por cento homoxéneos.
As desemellanzas, con todo, son pequena cousa á par das identidades. É milagroso que aquelas non chegasen a máis, tendo en conta o distinto acondicionamento esóxeno en que viviron unha e outra ponla do mesmo tronco. Unha, despois de chegar a fala de reis, abandonada á súa sorte. Outra, facéndose da noite para a mañá lingua imperial. Unha, como fala do pobo acollida no propio berce ao sagrario da rusticidade. Outra espallada a afastados continentes, nos beizos da corte e dos súbditos, sobre unha impresionante amalgamazón de razas, terras e climas.
Non só polo perfeccionamento que se acadaría pra o idioma como medio de comunicación debido ao maior uso na área falante do portugués. Tamén porque abriría pra a nosa produción literaria un mercado de posibilidades máis alá de todo cálculo.
E aínda, como recíproca doazón, o enriquecemento léxico-gráfico que derivaría, por unha banda, do máis íntimo achego ás fontes, e por outra, da familiarización galega cunha literatura de calidade e alento humano extraordinaros, como é neste intre a que se fai no Brasil.
O cadro xa é hoxe ben tentador. Moito mais o será deica poucos anos, polo camiño que leva o mundo.
Arquivos