Cara e cruz da autonomía
Autor: Valentín Paz-Andrade
Data de publicación: 31 de decembro de 1977
Medio: La Voz de Galicia
Recollido en O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade pp.33-38. Biblioteca Galega, A Coruña, 1997 e en Valentín Paz-Andrade Antoloxía. Edición e limiar de Xan Carballa. Ed. Galaxia, Vigo, 2012.
Nin a ideia nin a doctrina da autonomía agroman ex novo nos eidos da política galega. Nin na ideia nin a doctrina da autonomía as temos de segunda man, por trasega de odre vello ou por snobismo de clercs. Tanto a ideia como a doctrina da autonomía na nosa Terra son voces, non son ecos. E foi Guimarães Rosa quen ao xeito escribíu: «So ha un dialogo verdadeiro: e de o silencio e a voz».
Para poñer o tema fora de briga dialectica nin fai falla se embreñar en esculcas eruditas. Abonda con traguer ao rego da actualidade dous ou tres eventos antepostos a perspectica vixente. Todos na órbita do tema, e si se quer senlleiros, ainda que de disparexa imaxe e disparexa cronoloxía.
O BAUTISMO DE SANGUE
De primeiras compre lembrar a Revolución Galega de 1846. Os doce fusilamentos de Carral -co Comandante Solís na cabeceira- labran unha páxina esgrevia. Non somente por se ter escribido con sangue de protomártires. Tambén porque xa daquela a causa foi asumida nunha doble vertente ideolóxica. Con bifronte polaridade socio-política. De unha banda como revolta liberadora da dictadura de Narvaez, o espadón sabelino de Loja. De outra, como levantamento do pobo, contra o xugo superimposto do centralismo, deformación opresora dun Estado absolutista.
Diante do que hoxe vai coallando pinga a pinga en estrato histórico, a traveso do proceso democratizador, val a pena se deter unha miga na lección herdada. Maormente pra reparar no paralelismo encuberto entre aquel anaco do pasado e o noso presente fuxidio. E tambén para valorar o feito de que en tempo tan recuado desde a perspectiva vixente, os dous ideaes afroraran en xuntoiro indisociabel. A democracia e autonomía, en constelación binaria, sendo unha soporte da outra. En amea espontánea e sincrónica.
Non estará demais engadir que no 1846, aquela parificación de metas ideolóxicas non arreita de novas, nin de xeito incidental ou ventureiro. Mais asisado será valorar o fenómeno como obra de pensamento madurecido, froito da certeira cavilación, e si se quer ?no falar de hoxe? de programación. Non deixa marxe par-as dubidas o feito de que denantes de estalar o movimento das armas a carón das murallas de Lugo, xa se hubera constituido, na clandestinidade, a Xunta de Galiza. Aquela ante-versión do Goberno autónomo, con xurisdicción abranguente as catro provincias. A Xunta da que foi cerebro Antolín Faraldo, morto no eixilio de Andalucía. Mentras outro dos fuxidos, a vate Farruco Añón, derramaría seu atrelado vivir en saudoso desacougo por Portugual, Italia, Madrid…
DA ACCIÓN A DOCTRINA
No tocante a teoría autonómica compre antepor o nome de Alfredo Brañas. E de toda a sua obra -ainda da monográfica- facer escolla de aquele libro punteiro, que foi El Regionalismo. Punteiro, mais non tan desflorador da materia como os pouco informados puderan sospeitar. Publicóuse no 1889, dous anos despois de que na Cruña se imprimira o «Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego». Aquele que fora aprobado en Lugo pol-a Asamblea Federal de la Región Gallega, nos días 2 ao 7 de San Yago de 1887.
Xa de aquela a esquerda galega -liberal si ben moderada-, que lucidiamente poderían representar Moreno Barcia, Leiras Pulpeiro, Aureliano J. Pereira, Castro López, Costales, Pita de la Veiga (G.), e os demais menos sonados autores do «Proyecto de Constitución», tomóu posición a tempo. Adiantóuse a dereita confesional, da que Brañas foi adalide. De calquera xeito, pol-o que a doctrina atingue, a contribución de Brañas non foi no seu tempo rebasada. Nin tampouco, a calidade e temple do seu apostolado autonomista.
El Regionalismo, editóuse en Barcelona. Feito que, remedrado na sua órbita por un viaxe do autor a mesma capital, contribuiría non pouco ao despertamento da causa catalanista. Podemos supoñer que, entre Rosalía e Maragall, o fio das afinidades patrióticas, foi levado pol-a man de Alfredo Brañas.
CONCEPTO E CONTIDO DA AUTONOMÍA
De aqueles tempos ao que nos tocou vivir, o concepto da autonomía, en canto réxime de se gobernar pobos libres, vense mantendo sen mutacións alterosas. Responde agora como denantes a mesma eisixencia de autencidade formal e a o mesmo contido filosófico. A suma de un e outro principio pudera atopar expresión comprida na definición de Ferrater Mora:
«Se llama así -autonomía- al hecho de que una realidad está regida por una ley propia distinta de otras leyes, pero no forzosamente incompatible con ellas».
A connotación da compatibilidade pudera terse como fixativa e difinitoria, en canto descarta da autonomía a noción da soberanía. E xusto que a primeira se lle reconozca, otorgue ou devolva a un país, ainda que a segunda se manteña atribuida ao Estado, que abrangue un conxunto, federación ou unión de paises.
De outra banda, o que a fórmula de goberno autónomo supón, irenunciabelmente, e a cancelación da hipoteca do poder propio e lexítimo, aos poderes alleos e distantes. Do poder en inmediación, asistido pol-o asenso ou disenso do pobo gobernado, ao poder en abstracción que non sinte nin padece as desventuras ou as venturas da perifeira. Hipoteca superimposta non somente sobre os dereitos políticos e adeministrativos, senon alienante da capacidade de exercelos na práctica pol-o seu titular lexítimo.
O mesmo pensador catalán, as voltas con o tema, fala ainda do sentido ético da autonomía: «Según el mismo se afirma que una Ley moral es autónoma cuando tiene en sí misma su fundamento y la razón propia de su legalidad».
No caso de Galiza, a razón ética súmase a razón política. Porque o centralismo, anticorpo da autronomía, ao longo de séculos non nos deixóu senon unha abraiante cárrega de saldos negativos. Dominación do páramo sobre o mar, sacrificio da expansión atlántica a favor do crecimento inorgánico e intra-terráneo, desangramento continuo da poboación por fuxida do home activo tras da oferta de traballo, abandono a sua sorte dos sectores primarios -agro-gandeiro, pesqueiro, mineiro…-, posposición no emplazamento de industrias de base, abandono da escola primaria con menosprecio continuo da lingua propia, sacrificio dos valores de situación e das regalías ecolóxicas, a localicazión das industrias en estrago ambiental… E todo canto os galegos de hoxe, despois de tantos desenganos, teñen a fror de memoria.
A AUTONOMÍA OBRA DOS HOMES
A fachada da que acabamos de dar, unha vez máis, ese cativo boceto, ten predestiñación ao derribo. Sobre dos escombros temos que poñernos a erguer a nova. A fachada de Galiza destutelada, dona a boa parte do que é seu. A Galiza autonómica no trance de se facer realidade.
Eis o compromiso que nos ven imposto. Dar o peito a canto se eisixe das xeneracións coutadas no proceso, e unha obriga irrefusabel. Compre tomar conciencia dinámica de tan grávido imperativo.
Para outros paises, a autonomía pode ser somente un proceso de manumisión política. Para Galiza e moito mais. E a posibiliadade de erguer, pedra a pedra, institución a institución, un novo modelo de país. Non somentes chamado a sustituir ao herdado do coarentenario sombricio, senon de reconquerir a fe dos galegos nos destiños da sua Terra, como célula da cultura occidental.
Mais o paso d-unha situación a outra non e cousa de miragre. A obra de homes e de forzas, de mentes e de meios, de vontades e de capacidades. Compre non se esquecer de tan elementaes imperativos.
¿Cánto levamos traballando por poñer o punto -agora que tencionamos botarnos a andar-, a plantilla, o diseño, a memoria, os cálculos… que nos proporcionen a primeira imaxen da tarefa que nos días a vir -a vir axiña- tense que por en obradoiro? ¿Onde están os estudos de prospectiva, mais que de perspectiva, que poidan alumear e viabilizar o tránsito da Galiza interiormente colonizada a Galiza relativamente dona dos seus destiños?
Temos que dar resposta a semellante preguntoiro, e a moitos mais. Respostas obxetivas, con forza de convencimento, que non desfagan a fe do pobo c-unha nova frustración.
Ninguén poderá eisixir abofé que, da noite pra a mañán, a Galiza con estatuto de autonomía se convirta n-un paradiso. Mais cando menos, a volta de pouco tempo, terá de estar en condicións de tomar a arrancada de que fala Rostow, cara o desenvolvimento orgánico e pleno que poña en auxe as estructuras productivas até agora esvaciadas ou entumidas.
Non se dibuxa con menos rigor a reponsabilidade xeneracional, que a autonomía bota enriba de nos. De nos, comprendendo na expresión a todol-os galegos, que n-esta hora teñan algo proveitoso a propoñer ou facer algo proveitoso e lúcido, pois andamos a cabalo do tempo sen acougo. Os demáis, os que se absteñan, tambén teñen a sua obriga: deixar facer.