Dous decenios de estancamento na economía galega
Autor: Valentín Paz-Andrade
Data de publicación: 31 de decembro de 1978
Medio: La Voz de Galicia
Recollido en O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade. Biblioteca Gallega pp. 41-47, A Coruña, 1997.
O ÍNDICE DA RENDA «PER CÁPITA»
O CONCEPTO
De cantas ferramentas estatísticas manexan a cotío os homes da economía, para lle tomar o pulso a un determiñado país, unha d-elas lévase a palma. Estóu a falar do índice da renda per cápita. Certo que con todo, non chega a sere un barómetro de moita precisión. Pode ter a suas fallas, tanto por aquelo que non chega a describir como pol-o que ao mellor mascara.
Aínda con semellantes riscos por diante, trátase do instrumento que máis positiva axuda oferece ao conocimento clínico de un complexo socio-económico. Maormente cando se aplica a dinámica do crecimento, a esculca das disparidades rexionales, a intensidade que chegan a acadar e aínda da sua perduración.
«Polo que toca ao análisis económico -ten escrito L.J. Zimmermam- pisamos terreo moito máis firme cando falamos de países que teñen un ingreso per cápita relativamente alto ou relativamente baixo».1
A tosquedade que ao tal procedimento de medición se lle atribue, provén da sua aparente simplicidade. De que se contente só con repartir a renta total que o país xenra cada ano entre o monto dos seus habitantes censados. Estamos a falar da «renda real», e non da «renda monetaria», de acordo co desglose feito por Pigou2.
Mais…¿qué se ten de enxergar por «renda real»? Para facerse con tal concepto, o mesmo autor bota man do mestre Marshall, tomando dos seus Principles... unha definción aínda hoxe valedeira:
«O traballo e o capital do país, que obran sobre os seus recursos naturales, producen cada ano certa cantidade neta de mercadorias, materiaes e inmateriaes, inclusive servicios de calquera crás. Esta é a verdadeira renda ou ingreso neto do país, ou dividendo nacional».3
Mais en verdade foi Keynes, dos anos trinta en diante, quen puxo o perdigón na diana. Na sua tan sonada General Theory… a noción do ingreso nacional foi soerguida como eixo da economía de cada país, grande ou pequeno4. Ao mesmo tempo, a do ingreso per cápita foi tambén consagrada como elemento alumeador do análisis económico. A sua práxis non tardaría en se facer constante na inxente tarefa da Organización das Nacións Unidas, para a denuncia dos estados de sub-desenvolvimento, cando non de miseria, e En tantos e tantos países do noso escorado planeta.
A INVESTIGACIÓN DA RENDA EN ESPAÑA
Si ben é certo que España non madrugou, en se botar a andar pol-o novo camiño, tampouco ficóu moi a recú. Foi no ano 1955 -ano de choivas numerales- cando o Servicio de Estudios del Banco de Bilbao, puxo a sua pica en Flandes. Acabóu de se embarcar n-unha arriscada navegación de cifras, cadros e gráficos na que aínda hoxe ben facendo singladuras sucesivas.
Aquele feixe de economistas mozos e cachazudos estadigrafos botóu sobre as suas costas unha cobizosa tarefa. Tan cobizosa como benedictina. A de facer reconto radiográfico cada dous anos dos fluxos económicos do país, a traveso dos exponentes máis típicos: a producción sectorial e a renda, familiar ou per cápita. Mais non como denantes se acostumaba facer. Non de xeito global e indiscriminado, sin implicación algunha a nivel local.
A novedade da aportación de que estamos a falar foi moito mais aló. Consistiu, según e ben sabido, en determinar a nivel provincial, as magnitudes exponenciales da producción e da renda. Sen deixar de conquerir, ao propio tempo, a proba matemática, ou casi matemática, das disparidades de nivel e vitalidade económica, entre rexións ricas e pobres, favorecidas e desfavorecidas, polarizadas ou marxinadas.
Unha laboura de longo alento científico e tamén de longo título: «La Renta Nacional de España y su Distribución Provincial»5. Un eido tentador do conocimiento económico estructural, que baixo o mesmo ángulo aínda non fora entre nós compridamente enfocado. As tarefas paralelas que denantes se impuxeran o Consejo Nacional de Economía -«La Renta Nacional de España»-, ou o Instituto Nadional de Estadística «La Renta Nacional en…(o ano) y su distribución»6, non cubriron a necesidade de radicación, que o esforzo da primeira das citadas obras víu a encher. A do I.N.E. non pasa da distribución sectorial. Pol-o tanto non chega a fornecer os elementos de xuicio máis directos e suasorios para por ao descuberto o monto das disparidades socioeconómicas, que entre unhas provincias e outras -encargadas ao mesmo Estado centralista-, se viñeron perpetuando.
VINTE ANOS DA RENDA EN GALICIA
Do 1955 ao tempo de hoxe corréu moita auga pol-as pontes. Vintatrés anos non son un tramo cativo, na vida dun pobo da Europa, ribeiran do Atlántico, a estrada máis transitada do mundo. E moito mais se tal fracción cronolóxica se inxire nunha época de crecimento económico de acelerado andamento, como é a que estamos a vivire.
Os datos sobre o cómputo da renda nacional, que veñen manando da fonte primeiramente citada, non cubren a totalidade do tempo que se foi debullando desde aquela data. Comprende somentes do 1955 ao 1975. O tomo corresponde a 1977 aínda debe atoparse no obradoiro, ou pol-o menos agardando o intre de ser entregue a ollos alleos.
Nas páxinas dos dez tomos xa editados, e maormente no que coroa a era dos vinte anos, ¿qué imaxe arroxan as catro provincias galegas? Medraron económicamente, foron recuando algunhas ou se manteñen estancadas?
Dentro do cadro das 50 provincias españolas, as catro galegas arrancaron no 1955 por debaixo da media nacional da renda per cápita. A de Pontevedra no número 29 por orde decrecente, e a da Coruña no 31. Xa de aquela a fonda depresión das de Lugo e Ourense, ensiñóu a orella. Unha no posto 42 e a outra no 48.
Dous anos despois, no cómputo de 1957, rexistróuse certa reacción positiva nas provincia atlánticas. A de Pontevedra rubíu desde o número 29 ao 23. Ou sexa, remontando seis postos, dous por enriba da media nacional. Unica vez na historia que no tramo agora estudiado se conqueríu fazaña semellante. A de Coruña, con menor enerxía de crecimento, do posto 31 rubíu ao 28. De xeito paralelo a de Lugo gañóu cinco lugares, do 42 ao 37.
Tratábase de unha reacción pasaxeira, que non acadóu a Ourense. Esta provincia seguíu baixando, ao degráu 49, no penúltimo, en 1957, e no derradeiro, o 50, no 1960. Ano éste no que tambén baixaron as outras: Pontevedra ao 25, A Coruña ao 33 e Lugo ao 37.
No lapso dos vinte anos, Ourense reincidíu tres veces mais -1962,1969 e 1971- en ficar como portadora da lanterna roxa. No ano 1973 foi relevada en tan recuado emplazamento por Lugo. A meridional das duas non conseguíu situarse en ningún ano por enriba do lugar 45 -anos 1964 e 1975-. A do Norte chegóu ao 31 no 1967, para baixar nos seguintes aos degraus máis afundidos da escala.
DISPARIDADE INTRA-REXIONAL
Os datos até agora manexados oferecen doble perspectiva. Unha de proiección intra-rexional. A outra extra-rexional.
Deseñase nidiamente que, si ben nas catro provincia galegas o estancamento e ben manifesto, nas duas post-atlánticas estamos aínda por debaixo do crecimento cero. Se houbera espazo a encher con testemuños demográficos, a bulsa de atraso que envolve ao macizo lucusauriense ficaría aínda rexamente perfiada. E non digamos si puderamos engadir ao noso enxuizamento de urxencia os índices da emigración.
O nivel de desenvolvimento ou vitalidade e socialmente menos dramático nas duas provincias oceánicas. Mais, si ben se mira, a melloría da escada da prosperidade, non e tanta como a primeira ollada pudera semellar. Abonda con unha pequena cavilación ao respective. Os dous decenios a que o cómputo estatístico se axusta ninguén dubidará de que foron os de máis acelerado desenvolvimento material do Reino agora reconstituido. Pois ben, si nun tempo tan carregado de expectativas, nin a de Pontevera nin a de Coruña, puderon consolidadar unha tasa de renda per cápita igual ou máis outa que a media nacional, ben se pode sacar en limpo unha verdade elemental e pouco confortadora. A de que tambén as duas provincias punteiras, ao longo dos vinte anos, lles pasóu o sol pol-a porta.
Entre a mesta fronda do medio cento de provincia españolas, A Coruña cerra o lapso das duas décadas con 120.120 pesetas de renda per cápita en 1975, por debaixo de Las Palmas e por riba de Teruel. Pontevedra, con 119.711 pesetas sitúase entre Teruel e León.
Por debaixo de Córdoba e por enriba de Jaén ven encaixada a de Ourense, con 90.869 pesetas. De seguido, a de Lugo, con 87.023 pesetas entre Badajoz e Granada, na veciñanza da Provincia que camiña ao rabo: Cáceres.
PAÍS VASCO-NAVARRO CATALUNYA
1.Vizcaya 5. Barcelona
3.Guipúzcoa 6. Gerona
4.Álava 9. Tarragona
8.Navarra 13. Lérida
Somentes unha das oito provincias fica fora dos dez primeiros postos, si ben con bastante achego. Pol-o tanto, non so e merecente de por en destaque a prioridade e prevalencia que os dous conxuntos manteñen, senón a non existencia de fondas disparidades cuantitativas entre os compoñentes de cada un.
Dentro do primeiro grupo, Vizcaya é a provincia de renda per cápita mais outa, con 201.132 pesetas. Navarra a menos favorecida, con 162.548. Dentro do segundo, Barcelona entesta o grupo con 190.437 e Lérida fica por baixo das outras con 149.844 pesetas.
Coidamos que non é caso de mergullar agora na fraga fría dos algarismos. Pode de abondo con unha levián amostra comparativa da media rexional de renda per cápita, das tres áreas que vimos considerando, correspondentes ao mesmo ano 1975:
País Vasco-Navarro 187.338 pesetas
Catalunya 169.652 pesetas
Galiza 104.521 pesetas
Alá pol-os anos cincoenta, o Prof. Ernest Wageman, publicóu un brevario de macroeconomía. Leva un título que se non esquece: El Número, Detective7.
Cecais onde como tal mellor funcione, sexa cando se convirte en índice de renda per cápita. Cando descobre niveles ou tendencias non aparentes, erros seculares ou nós de estrangulamento, que centraban o destiño histórico e a recuperación socioeconómica de un pobo.
1 L.J. Zimmerman, Países pobres y países ricos. Siglos XXI Editores, SA, México, 1966.
2 A. C. Pigóu, La Renta, Ed. Rev. De D.P. Madrid
3 Alfred Marshall. Principios de Economía, M. Aguilar, Madrid, 1948.
4 J.M. Keynes, Teoría General de la Ocupación, el Interés y el Dinero, Fondo de Cultura Económica, México, 1945.
5 Banco Bilbao. Renta Nacional de España y su Distribución Provincial 1975, Bilbao, 1977.
6 Instituto Nacional de Estadística, La Renta Nacional de España y su Distribución, Madrid, 1978.
7 Ernest Wagemann, El Número, Detective, F.C.E., México, 1958.