San Iago, A Coruña e Lugo na historia do proceso autonómico
Autor: Valentín Paz-Andrade
Data de publicación: 25 de xullo de 1982
Medio: La Voz de Galicia
Recollido en O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade pp. 69-75, Biblioteca Gallega, A Coruña, 1997.
Temos de escomenzar remexendo en páxinas amarelas. Algunhas das moitas que no pais se escribiron despois da proclamación en Cortes monárquicas da primeira República española. No intre, as ideas políticas puderan ter madurecido ate o punto de impoñer, de xeito tan heterodoxo, o troque de réximen. Mais o que ainda se mantiña verde, semellaba ser o modelo de estructura interna que tiña de soster e dar pulo ao autor-goberno na nova comunidade.
«O mal da insolidaridade interna do pais ven de vello. É un andacio que se propaga no tempo»
Non era de abondo que en xulio de 1873 as Cortes acordaran depoñer o réximen unitario e impoñer o federal. Nin que a España peinsular e o resto dos territorios -ainda os ultramareiros non emancipados- ficasen distribuidos en 17 estados. Facía falla moito mais. Encher de contido xurídico, administrativo e social o marco institucional da nova unidade autónoma.
Do valeiro que da noite para a mañán se provocara, Galiza decatóuse a tempo. Ate con dianteira a outros territorios embiortados no mesmo feixe. Ainda aqueles que nos decenios a vir, serían os primeiros en agabear ao pescante, e levar as rendas a medias no proceso instaurador das autonomias a que vimos asistindo.
Desde o dia no que se proclamóu aquela República, ao 22 de xunio do mesmo ano pasaron poucos meses. Somente catro con nove días. Foi tempo de abondo para que a cidade de Sant Iago erguera a nova bandeira. Para que no cláustros, nas aulas, nas sancristías, nos obradoiro, nas ruas… inzara o pensamento de fundar un chamado «centro de iniciativa», adicado a estudar e propoñer a futura organización de Galicia. A do auto-goberno, que é como en falas de hoxe se chamaría.
Non outros foron o obxeto e o obxetivo da convocatoria a unha memorable xuntanza de todo o pais, que concentróu no Pazo de Raxoi a 545 delegados. A convocatoria partíu do alcalde don Xosé Sánchez Villamarín. E foi feita «para exercer o dereito de iniciativa na organización político-administrativa do noso Territorio».
PRIMEIRO MANIFESTO… «A GALICIA»
O emérito pesquisador de arquivos Pérez Constanti -fonte na que agora estou bebendo- conta ao seu xeito o episodio1. Da novas do protagonismo que no mesmo asumiron, ademais do alcalde, Alfredo Vicenti, Pais Lapido, González Munín, Olimpio Péres, Rodrigo Rueda… E nos oferece un resume do manifesto que, no quinto dia de sesión, lanzóu «A Galicia» o memorable xuntoiro político:
«La autonomía de las regiones departamentales constituidas bajo la base de la comunidad de sus intereses y la creación de un conjunto armónico que, sin romper los lazos de la común nacionalidad, permita el libre desarrollo de los pueblos con independencia de otros separados por la naturaleza o diferentes por su historia o por sus costumbres, son los principios sobre los que descansa la federación…».
Deixando de banda algún desaxuste terminolóxico, o contido político e de abondo positivo e nidio. De cabo a rabo do documento, o texto reivindicativo, cando menos na esfera política, ainda hoxe se pudera ter por valedeiro. E ate por valente:
«Abiertos los senderos de la legalidad a la manifestación de todas las aspiraciones; abocadas a su resolución las grandes cuestiones que entraña el principio federativo… Dentro del dilatado círculo que aquélla nos concede, despleguemos con energía y constancia nuestra actividad, para que la transformación política se realice en armonía con lo que reclaman los elementos vitales de nuestro país».
O manifesto pechaba facéndose crédulo eco de certo principio de xenerosa inspiración, ainda que hoxe pecara de inxel. O de querer preservar a autonomía de fronte a bandeira ou o sectarismo:
«No enarbolamos ninguna bandera política. Nuestra empresa no es servir a la causa de ningún partido, sino a la causa del país gallego…».
O «FUTURO ESTADO GALLEGO»
Aquela foi unha acesa esperanza, que viña suxeta a condición resolutoria. A que ao cabo de pouco tempo, o 3 de xaneiro de 1874, desencadeaba a morte da República. Mais que pol-a arrancada de forza de Pavía, pol-a inocencia de Castelar e a deslealdade dos seus correlixionarios. Así foi que, a carón de aquel prematuro enterro da democracia-autonomista, Galiza ficóu leixada, a veira do camiño, como facendo de prauxideira…
Pasarían nove anos arréu sin que se mexera unha palla. Novenario de centralismo reacuñado e calefateado. Mais de ningún xeito enraigado no pais. Superposto e borbónico, a cabalo de unha realidade popular non sofocabel e aínda remanecente.
Agora o foco de surxencia deslocarase de Saint Iago a Coruña. Despois chegaríalle a sua hora ao Lugo matricial. Compre subliñar que o segundo movimento federalista galego foi de ritmo demorado. Tería catro anos, senon de xestación, de madureiro. Do 1883 ao 1887.
O 24 de maio do primeiro de ambol-os anos, a Asambleia Rexional xuntóuse na Coruña. Froito da sua laboura, constructiva e xenerosa, foi outro documento político. O mais progresivo, senon avanzado de aquele século. Estou a falar do «Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego»2. Firma o preámbulo Segundo Moreno Barcia, que fora Diputado por Ribadeo nas Constituintes do 73.
O mesmo debéu ser o ponente do texto artellado no que tambén puxeron suas firmas José Martínez García, por Lugo; Manuel Portela Calderon e Antonio Manuel Benitez, pol-a Coruña; Modesto Moirón e Santiago Casares Paz, pol-a de Ourense, e Toribio Curti Granada e Joaquín Rey Calvo, pol-a de Pontevedra. Leva data do 24 do maio do 1883.
Tres anos despois o documento foi obxeto de dictamen, emitido por unha comisión constituida para a tal encomenda. Recibíu a sanción derradeira na Asambleia de Lugo, celebrada o 6 de xulio de 1887. O corpo constitucional foi asignado por 24 delegados de distintas bisbarras. O derradeiro firmante sería o poeta Aureliano J. Pereira, «representante de la prensa federal».
No cuarto final do século, o concepto de democracia ainda circulaba pouco. Mais no Art. 2 xa se fai bon uso da verba:
«Esta región se erige en Estado autónomo o soberano y adopta la forma democrática-republicana federal para su gobierno».
O principio da auto-determinación podese ter asin por abertamente profesado. En canto a enxebria democrática, lembremos o Art. 22:
«El poder reside en la totalidad del pueblo gallego».
A liña de avangarda na institución comenza nos dereitos políticos. Non somentes os colectivos. Tambén os individuaes. O dereito de voto reconocíase desde os 20 anos, tanto ao home como a muller, agás cando esta non tiña instrucción elemental (Art.23). Os electores desde os 25 anos poden ser elexibles. Cada lexislatura tiña marcada unha dura de tres.
Deixabase a deliberación da Asambleia Constituinte rexional a conservación ou non das provincias. Xa ficaran reducidas de sete a catro. Confesa o documento, como aspiración do Estado Galego, a Confederación Ibérica. E ainda chega a mais:
«…Contrae la obligación de coadyuvar incensantemente para recabar de la Nación Portuguesa una eterna alianza pactada sobre la base del mutuo consentimiento y la voluntad de ambos pueblos».
O pensamento político que temos estructurado acusa unha maturidade, mal correspondida pol-a praxis. A verdade que non pode ser mascada e tan evidente como depremente. Tanto o movimento cuia bandeira Sant Iago se adiantóu a erguer, como o seu reagromar valente na Coruña, con coroación de Lugo, non conduxeron a un troque histórico ou social positivo. Avesamente constituen outros tantos episodios de frustración. E pol-o tanto, de desalento para o povo oprimido na corrente circular entre a pobreza, a marxinación superimposta e o éxodo ventureiro.
ALGÚNS COROLARIOS A XEITO
Os eventos políticos do pais, que se deixan mellor ou pior historiados, postos un ao par de outro, dan pé a non poucos corolarios. Algúns ainda hoxe puderan non ter perdido a sua relevancia.
A vitalidade ideolóxica que un e outro movimento denotaban, coido que pode terse por sobranceira. Tanto pol-a talla dos promotores, como pol-a resposta popular que acadaron. Ao menos nas xornadas subseguintes.
Confirma a tal estimación, o relativamente curto treito de vagantio, entre o primeiro movimento e o segundo. Sin esquecer no reconto de valores, a consideración que foran merecentes a progresividade, e ainda avance socio-político dos programas. Maiormente do segundo.
Algunhas carencias, en troque, non deixan xenerar desconcerto. Sorprende que non se amostrara solidaridade interna, nin concomitancia aparente entre un e outro movimento. Ningún dos protagonistas das xornadas composteláns reflota nas de A Coruña-Lugo. Aqueles homes ainda tuveron longa vida, e non ficaron arredados da política. Cando menos os de certo destaque. Mais a verdade é que a segunda agromación federalista galega, non se renutríu con a experiencia e prestixio da primeira. E as duas ficarian historicamente isoladas e na esterilidade emparelladas.
Na liña dos efeitos negativos, compre salientar o esquecemento do idioma. Non figura nin no manifesto do 73, nin no estatuto do 87, norma algunha que contemple o problema lingüístico. Que de certo xa eixistia, si ben non se lle reconocera na mentalidade da época a relevancia científica, social e cultural que despois adequiríu.
E mais de estranar que en semellante esquecimento se recuncara na Constitución federalista de Lugo. Non somente pol-os anos que pasaran entre ésta e o manifesto «A Galicia». Mais ben pol-o xa profesado galeguismo de moitos dos firmantes da carta do 87. Entre eles dous poetas, Manuel Leiras Pulpeiro e o xa citado Aureliano J. Pereira, que en galego escribiron a totalidade da sua obra. E algúns escritores de sona na época cal Manuel Castro López, e outros de formación literaria dominada pol-o pensamento na liberación e repotenciación da sua Terra.
Por riba de calquera outro ensiño, o que a historia nos amostra é ben pouco alentador. Nin mais nin menos a leición recollida ven a ser ésta: o mal da insolidade interna do pais, ainda diante dos trances nos que se xoga o seu destino político e socio-económico, ven de vello. E un andacio que se propaga no tempo, que se fai reciclante. Presente no noso tempo e presente no pasado.
1 Pablo Pérez Constantini, Notas Viejas Galicianas, t. II. Imp. dos Sindicatos Católicos, Vigo, 1926.
2 Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego, La Coruña, José Míguez Peinó y Hermano, Impresores, 1887.