‘Federalismo é pacto e acordo, non unha dinámica de creación de novos estados independentes’
O seu despacho na Facultade de Ciencias Políticas é un mar de libros e carpetas minuciosamente clasificados entre os que semella navegar con facilidade. Dono dun discurso elocuente e ordenado, Ramón Máiz (Santa Cruz de Tenerife, 1953), considerado un dos grandes especialistas mundiais nos sistemas políticos federais e nos nacionalismos, aborda nesta conversa os desafíos dun estado das autonomías de corte federal que en plena crise económica aparece no centro do debate político.
····································································································································································
Historicamente varias xeracións cidadás tiveron como obxectivo político acadar a autonomía para o país, pero en relación ao debate territorial hai unha discusión terminolóxica sobre se o estado autonómico xa é un estado federal. Realmente cando falamos de autonomía falamos de federalismo?
O concepto de autonomía ven de federalismo. O federalismo histórico do século XIX fala de diferentes ámbitos de autonomía, ou sexa de capacidade de decisión
Non se pode argumentar sempre coa intanxibilidade da Constitución de 1978, hai que modernizala e ir cara a solucións federais para problemas federais.
e lexislativa, e a lei federal é unha idea de círculos superpostos, autónomos, con capacidade de autoregulamento e autogoberno: concello, nación ou rexión, estado e finalmente Europa. É a vella idea federal de sempre. A autonomía dá capacidade de lexislar e por tanto de tomar decisións políticas, pero en España o federalismo despois da
I República (1873-1874) ficou desprestixiado pola dereita, con éxito histórico, que o equiparou con conflito social e desunión. Por iso despois se optou por unha linguaxe diferente e aparece o concepto de autonomía e na II República falábase de autonomía dentro dun estado federábel. Todo isto xa o vemos na literatura española e cando Pérez Galdós di ‘é algo moi federal’ enténdese como ‘asunto que dá lugar a conflitos’. Foi unha batalla ideolóxica que se perdeu, como tantas, e o federalismo quedou como un paso previo á separación e a disolución do estado.
Os nacionalistas, sexan galegos, cataláns ou vascos, tamén refugaron dese concepto político.
Nese caso hai outra razón, porque o vocabulario da autodeterminación refírese á construción dun estado-nación en pequeno. O federalismo é construír un estado de estados, unha nación de nacións, e iso non concorda con amplos sectores nacionalistas. Falar de federalismo é falar de pacto e acordo e non é unha dinámica de creación de novos estados independentes, por iso o nacionalismo se sente incómodo no debate do federalismo porque fala dun proxecto de unión pactada.
A construción da autonomía en 1977 deuse no medio dunha transición ditadura-democracia, e Valentín Paz-Andrade, que protagonizou ese tempo, criticou moi duramente que a autonomía galega resultante resultase un híbrido chamado a colapsar. Criticaba a superposición de institucións, a non supresión das deputacións ou o papel redundante do Senado, e anunciaba o fracaso dese modelo que lle parecía política e administrativamente elefantiásico.
Efectivamente. Aquí hai dous elementos. En 1978 o título VIII da Constitución sobre a organización territorial do Estado garda unha calculada ambigüidade para evitar pronunciarse, non só sobre estado
A Constitución sobre a organización territorial do Estado garda unha calculada ambigüidade para evitar pronunciarse. O concepto de Estado das Autonomías tardou quince anos en aparecer.
federal ou autonómico, senón que o concepto de Estado das Autonomías tardou quince anos en aparecer. Falábase de autonomía política pero era unha capacidade dispositiva coa que as comunidades poderían ou non fixar unhas competencias e non outras, mesmo configurar unha estrutura política ou non, de maneira que todo quedaba extraordinariamente aberto. Podemos falar mesmo de desconstitucionalización da forma do estado. Abríase un proceso elástico, de apertura e indeterminación. O outro elemento é que en paralelo a Constitución ten artigos moi contraditorios, porque fala de nacionalidades e rexións pero tamén de indisolúbel unidade da nación española. Ou sexa nacionalismo castizo e tamén ruptura extraordinaria para o que era o ano 1978: aínda hoxe é un texto único no mundo porque recoñece no seu seo a existencia de diferentes nacionalidades, é insólito e unha novidade radical desta constitución. Establece comunidades autónomas dotadas con amplísimos poderes pero ao mesmo tempo deixa vivas as deputacións que son lugares intermedios entre concellos e gobernos autónomos, que son disfuncionais e carecen de sentido no novo modelo. É certo o que dicía Valentín de superposicións. O lóxico é que se se recoñecen nacionalidades e rexións haxa unha Cámara, un Senado, no que podan estar as súas voces e onde se negocie multilateralmente, que é o que acontece nos senados federais, que por exemplo nomean boa parte do Tribunal Constitucional.
A xeneralización do café para todos sen matices fai que agora sexa difícil dar marcha atrás.
Iso foi un erro e unha política para diluír, unha técnica para non recoñecer as asimetrías propias dun estado con nacionalidades e rexións.
Nalgúns preámbulos estatutarios recentemente reformados son máis comunidades as que se autodenominan nacionalidades.
Democraticamente a xente decide como se considera. O peor foi dotar a todos das mesmas competencias e facer un deseño de comunidades absurdo, mesmo creando algunhas uniprovinciais ou co mal deseño de Madrid como comunidade autónoma e non como distrito federal. Trinta anos despois iso acaba substantivando unha conciencia rexional ou local, que fai moi difícil volver para atrás. Durante este camiño tamén se recoñeceu polo Constitucional que os Estatutos forman parte do bloque constitucional, e polo tanto son verdadeiras constitucións. Iso na práctica é unha federalización do sistema, irracional en tanto que se fixo cunha idea non federal de partida. Avanzouse e retrocedeuse sen un plan inicial, cunha mímese nas decisións e logros das comunidades máis á vangarda, e con cuñas como o Concerto Vasco que é ruinoso para o Estado e que é de imposíbel xeneralización.
Agora estamos nun momento de cambio político catalizado pola crise económica.
Cataluña relanza o debate pero non é quen primeiro o fai. Chegaron antes as voces que dixeron que o Estado das Autonomías é caro e cumpría recentralizar. Sempre defendín e argumentei empiricamente
Cataluña relanza o debate pero non é quen primeiro o fai. Chegaron antes as voces que dixeron que o Estado das Autonomías é caro e compría recentralizar.
que no modelo español hai unha tendencia importante á federalización do sistema en convivencia tensa con posicións de recentralización, da man dos gobernos, mediante pactos europeos ou centralizando as sedes das empresas en Madrid. A importancia que supón falar de federalismo directamente é que un modelo múltiple e moi experimentado en todo o mundo e sabemos que efecto teñen unhas institucións ou outras.
Pola contra en España a desconstitucionalización do estado das autonomías, que non se sabía moi ben que era, permitiu avanzar pero aquelo que foi a súa gran virtude é hoxe o seu grande defecto porque non temos horizonte cara onde ir. Por iso demando que sendo xa un estado federal, temos que asumilo como tal e buscar solucións federais a problemas federais.
Temos que escoller que tipo de Senado adoptamos: ou unha cámara parlamentaria ou un modelo alemán, e se nos inclinamos por este debemos saber que o escollen os gobernos autonómicos, e ese modelo aquí non funcionaría porque non temos a tradición alemá moi de grandes consensos e de gran coalición. O federalismo non é unha panacea pero permite discutir sobre modelos que se sabe como operan polo mundo adiante desde hai moitos anos.
A posición da dereita e de sectores máis xacobinos do PSOE, bloquean a saída da situación?
A dereita aceptou de moi mala gana o estado autonómico e Fraga opúxose no seu día a incluír o concepto de nacionalidades e o conxunto do Título VIII. Pero cando comezou a gañar en comunidades autónomas esa posición inicial modulouna porque tiña que facer balance interno de intereses diversos.
O federalismo despois da I República (1873-1874) ficou desprestixiado pola dereita, con éxito histórico, que o equiparou con conflito social e desunión.
Tamén o PSOE ten un sector que o aceptou a desgusto e Rubalcaba ten dentro elementos moi centralistas. E agora xa aparecen opcións políticas (UPyD) e mesmo dirixentes autonómicos que falan de devolver competencias. É a primeira vez que se desafía a construción autonómica e faise aproveitando que pasa o río da crise, argumentando con apriorismos ideolóxicos que non están demostrados en ningures, que é máis cara a descentralización que a competencia exclusiva do goberno central. Non se pode estar sempre coa intanxibilidade da Constitución de 1978, habendo xeracións que naceron dez anos despois de aprobala. As constitucións teñen que actualizarse, e debemos reformar todo o que non funcionou e non resolve os problemas, que agora son completamente diferentes dos que se contemplaron daquela. É unha antigalla que hai que modernizar, e hai que ir cara a solucións federais para problemas federais. Iso require que os dous grandes partidos, que son os que teñen capacidade para facelo, decidan que chegou o momento da grande reforma dunha constitución que xa non dá máis de si despois de 34 anos. E non é ningún drama, porque todo é reformábel e suxeito de pacto en revisión constante para responder aos desafíos que tamén van cambiando.
A novidade nestes trinta anos é a integración na Unión Europea con grandes cesións de soberanía cara arriba.
A fundación e o proxecto da Unión Europea é federal desde o seu xerme. Pero todo proxecto político
Hoxe estamos pagando ter abandonado a Unión Europea a súa visión federal, fáltanlle institucións que controlen o mercado
evoluciona e sobre as ideas iniciais impúxose unha visión máis funcionalista, centrada no económico por riba do político, cando a idea federal debía ser máis Europa e máis política. Claro que se perde soberanía, que é un concepto xa sen operatividade, pero a pulsión federal segue, e Durão Barroso, que é un home da dereita, falaba hai pouco que se debía camiñar a unha Unión Federal de estados-nación. Fronte a iso hai outra idea máis gobernamental, de manter a soberanía dos estados membros. Hoxe estamos pagando ter abandonado a Unión Europea a súa visión federal, fáltanlle institucións que controlen o mercado pero aínda nesa situación tanto a UE como os estados membros descentralizan cara abaixo. ¿Quen ía dicir que o Reino Unido ía coñecer o actual proceso de Escocia ou Gales ou que Francia comece a ter reclamacións internas de rexións como Alsacia?
Por Xan Carballa
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2012