A biografía de Castelao
18/07/2012
Onte presentouse no Museo do Mar a terceira edición de Castelao na luz e na sombra, nesta ocasión ao cuidado de Galaxia. Ao acto de presentación acudiron o conselleiro de cultura e educación Xesús Vázquez Abad, o empresario e fillo do autor, Alfonso Paz-Andrade, o director da editorial Galaxia, Victor Freixanes e o historiador e autor do limiar da obra, Miguel Anxo Seixas.
A Editorial Galaxia publica Castelao na luz e na sombra nunha nova edición coa que comeza a súa colección de Grandes biografías, relatos de vidas inseridas na historia, vivencias e feitos de grandes personaxes que non soamente viviron a súa época senón que axudaron a facela tal como foi.
Biografía dunha das figuras fundamentais da historia de Galicia, Castelao na luz e na sombra tamén retrata un período importante da historia do noso país a través dun dos seus protagonistas. Retrata tamén a propia biografía do seu autor, Paz-Andrade, quen combina o papel de biógrafo co de historiador, a erudición e a documentación co pulo e a vocación literaria.
Amais do poemario Pranto matricial e dun considerable número de ensaios e artigos, Valentín Paz-Andrade dedícalle ao autor de Sempre en Galiza a súa monumental biografía Castelao na luz e na sombra. Escríbea entre abril de 1980 e outubro de 1981; o libro publícase o ano seguinte, cando o autor xa pasa dos oitenta anos .
Previamente, Paz-Andrade realiza un intenso traballo de investigación e documentación, de recompilación de textos e de consultas con testemuñas. No ano 1986, Ediciós do Castro tira do prelo a segunda edición, corrixida e aumentada da que se parte para a que a editorial Galaxia publique agora, outra volta revisada, co gallo da elección de Valentín Paz-Andrade para o Día das Letras galegas.
“Valentín Paz-Andrade, unha ducia de anos máis novo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coñeceu, conviviu e mesmo foi amigo de Castelao. Compartillaron un tempo, un proxecto e, xa que logo, había complicidade entre eles ata xullo de 1936. Logo o vento da intolerancia, dos outros esgallounos. Con grande parte desa memoria, a súa autobiografía que aniñaba no seu maxín” (Do limiar de Miguel Anxo Seixas)