A editorial “Biblos, Clube de Lectores” presenta “Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX” de Tucho Calvo
Comunicación Legado Valentín Paz-Andrade
Vigo, 18 novembro 2011. O próximo día 25 de novembro, ás 20 horas preséntase, na Casa del Libro de Vigo, a obra Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, escrita por Tucho Calvo e editada por Biblos, unha reedición de Valentín Paz Andrade, a memoria do século editado en 1998 por Ediciós do Castro e que sae á luz con gallo da concesión do Día das Letras Galegas 2012 á figura de Valentín Paz-Andrade. No acto intervirán o autor e Xosé Díaz; estará presente Alfonso Paz-Andrade.Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX é o resultado dunha longa entrevista mantida entre Tucho Calvo e Valentín Paz-Andrade no mes de setembro de 1982. O libro ten a súa orixe nunha cálida primeira conversa de máis de cinco horas na biblioteca da “Pousada Nova”, a vivenda de Valentín Paz-Andrade e a súa dona, María Pilar Rodríguez, situada na praia de Samil, á que sucederon outros moitos encontros. O resultado foi a historia dun personaxe que avanza paralelo á historia de Galicia, dende o seu Lérez natal nun percorrido por todo o mundo, dende finais do século XIX ao longo do século XX.
Na conversa, Valentín Paz-Andrade analiza a evolución de España e de Galicia. Unha evolución social, económica e política que atravesa tempos de inquietudes, de rebelións e de cambios e que se cruza na súa historia coa vida de grandes persoeiros do século XX: Castelao, Luis Seoane, Blanco Amor... e a súa implicación directa nalgúns dos feitos más relevantes da historia de España como a transición cara á a democracia tras a morte de Francisco Franco.
Nas 472 páxinas queda plasmada a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade, a súa faceta política, empresarial, periodística e sobre todo a humanidade dun viaxeiro incansable, dun poeta, avogado e xornalista que vivía por e para a súa terra natal. Sempre coa mente na súa “Galicia como tarefa”.
Tucho Calvo (La Guaira-Venezuela, 1954). Escritor e xornalista fillo de pais emigrantes, traballa en La Voz de Galicia dese 1976 ata novembro do 2010. A mediados dos 80 dirixiu o diario La Crónica de León. Como escritor deuse a coñecer con Froito das lembranzas (1981). Publicou ademais as novelas PAE-Século XXI, Telúrico, Luz de abrente e O xabaril branco; os libros de relatos Astra o confín e Corazón entre desertos; o ensaio O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade e a biografía Valentín Paz-Andrade, a memoria do século, así como os libros infantís A castaña que chegou a árbore, con ilustracións de Pitón, e Gatipedro, un libro que ilustrou Antonio Caíña e que inclúe un cd cunha peza creada para a ocasión polo compositor Javier Santacreu, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, con Santiago Fernández como narrador.
A partir de agosto de 2000 coordinou en La Voz de Galicia unha experiencia de enorme éxito, as “Páxinas literarias”, nas que se publica por capítulos a súa novela O xabaril branco con ilustracións de Miguelanxo Prado. Esta, difundida tamén a través da páxina web do periódico, convértese na primeira novela en galego que se puido baixar da rede en formato pdf. En maio do 2002 promoveu o relanzamento co xornal da revista de banda deseñada Golfiño.
Tamén en 2002 dirixiu a Biblioteca Galega 120, iniciativa de La Voz que concitou a colaboración dos editores do país para crear unha colección básica no noso idioma que levou máis de cinco millóns de exemplares aos fogares galegos. Posteriormente foi o responsable das coleccións Biblioteca Galega de Clásicos Universais e de escritores galegos en castelán.