A Federación de Asociacións da Prensa de Galicia entregou a gravación dun discurso de Valentín Paz-Andrade ao Consello da Cultura Galega
28/09/2012
A Federación de Asociacións da Prensa de Galicia (FEGAPE) fixo entrega ao Consello da Cultura Galega dunha gravación inédita do discurso pronunciado por Valentín Paz-Andrade, o 10 de xullo de 1984 no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, con motivo da constitución da FEGAPE, en calidade de presidente de honor da mesma. O Presidente do CCG, Ramón Villares, agradeceu a doazón, que incorpora ao Arquivo Sonoro de Galicia unha testemuña máis de Valentín Paz-Andrade, a quen Luís Menéndez, presidente da Asociación da Prensa de Santiago, glosou como “mestre de xornalistas”.
A gravación, que pasará a formar parte do Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, contén as reflexións de Valentín Paz-Andrade en defensa da liberdade de prensa e da autonomía de Galicia. O discurso dura 16 minutos. O acto foi tamén unha homenaxe ao sobranceiro escritor e xornalista -impulsor e creador do xornal “Galicia-Diario de Vigo” (1922-1926) e da revista “Industrias Pesqueras” (1927), a revista técnica máis antiga de España- ao que este ano lle foi dedicado o “Día das Letras Galegas.
No acto, celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura, interviñeron o presidente da institución, Ramón Villares, e os actuais presidente e vicepresidente da FEGAPE, Manuel González e Luís Menéndez, responsables das asociacións da Coruña e de Santiago de Compostela, respectivamente, e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Os presentes escoitaron as palabras de Valentín durante aquel histórico acto de constitución da FEGAPE celebrado hai 28 anos no palacio de Fonseca, hoxe sede do Reitorado da Universidade, que fora presidido polo entón presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor xunto coas primeiras autoridades civís e académicas de Galicia.