A teoría do liguaxe
27/07/2012
Cultura e linguaxe compoñen unha indisociable amea, trabada pol-a forza da vida. Entremedias d-un e outro concepto obra un vencello básico, latente na historia da civilización. Aínda sendo unha relación de fondo calado no destiño da humanidade, o seu papel non foi en todo tempo enxergado a dereitas. Nin siquera pol-as cimas do pensamento filosófico.
Até chegar ao seculo XX, sobre a función das linguas e a sua evolución, viña manténdose en foco a teoría do inmovilismo lóxico. Aquela que Tullio De Mauro condensa na “frase como modelo do feito”. Lucía unha paternidade prestixiosa, pois fora Aristóteles a sua vaca sagrada, e topara modernamente en Wittgenstein o seu vigairo maior.
Con Benedetto Croce mudaron as cousas. A tesa feitura do esquema tradicional escomenzóu a dar de si. O pensador napolitán puxo no carro da folosofía do linguaxe un eixo novo, que aínda non paróu de girar. Un eixo ben curto por certo: “parole é intuicione”. A sutil descoberta foi axiña profillada por Vossler. E cecais fora Saussure quen a levóu a mais cobizoso desenvolvimento, na doctrina do linguaxe como sistema d-expresión.
Eles e outros deron pulo a unha nova corrente do pensamento científico. Non viría a conto que nos pararamos a reflexal-a eiquí. Mais xa que puxemol-os pés no eido, compre lembrar ainda a Novalis. Dixera do linguaxe que é “o reflexo do mundo”. Tanto é como reconocerlle a natureza mudadoira que remanece do crima social onde a lingua xurde e medra. Non a que pudera recibir metida no xustillo de certas estructuras lóxicas.
Mais si agora lembramos ao filosofo galo, ha ser por algunha cousa ainda mais chea de ensulla. Para nos é aquela onde define ao linguaxe como “o instrumento que lle permite ao esprito chegar a auto-conciencia”.
Despois d-esta, ningunha outra peza de convencimento compre pra dar ideia da desfeita moral que supón a un pobo o abandono da sua fala. Ou calquera outra sorte de asoballo que tolla o desenrolo da lingua propia.
Fragmento de "A evolución tras-continental da lingua galaico-portuguesa"
Editado en "O provir da lingua" Lugo 1968