Amizade infusible ao soplete
11/07/2012
Pranto matricial será o libro fundacional da actividade poética de Valentín Paz-Andrade. Adicado a Castelao, publícase en Bos Aires no quinto aniversario da súa morte. A publicación de 1955 inclúe ilustracións de Maside, Colmeiro, Arturo Souto e Manuel Torres así como a capa deseñada por Luís Seoane a quen se lle debe o coidado da edición.
Sementador leixado
Pergrín namoradao dos roteiros
cara ao destino da Galiza abertos;
flor das vidas chagadas no acedume
incerto do desterro:
o de morrer alá o teu fado era.
Alá, sen escoitar as elexías
do violino dos cegos,
e a zanfona de pedra dos profeas,
que tan solo por ti soar puidera.
O de morrer sentindo na agonía
a quentura arterial dos emigrados,
lonxe do morno ollar das Dolorosas,
talladas no respaldo dos cruceiros.
O de ancorar a nao desarborada
nos peiraos de alén-mar,
abrindo regos novos á saudade;
reacendendo os pabios da alma
na Galiza migral, e na Galiza
que aínda agarda, Daniel, o teu retorno...
O libro reeditaríase en varias ocasións, unha das máis sinaladas foi a feita por edicións do Castro en 1974. En versión pentalingue Valentín seguiu de cerca a nova edición e preocupouse pola súa distribución sabedor da importancia da figura do seu amigo para o momento que estaba a vivir Galicia. Así llo fai saber nunha carta a Isaac Diaz Pardo en xaneiro de 1975.
Querido Isaac:
Como anunciabas o teu derradeiro viaxe a Cataluña, non che escribín ao recibir os 8 exemplares de Pranto Matricial. Quero facelo agora, en primeiro termo pra che agradecer fondamente o novo servicio que acabas de facer á cutura galega, á memoria de Castelao, e tamen á nosa amizade, que como Daniel diría é infusible ao soplete e tamén inatacale pol-os ácidos.
A edición está coidada e ben feita. E un belo libriño que fai honor ao seu editor. Agora compre coidar da boa distribución, pois penso que a garra que Castelao ten, aínda mais morto ca vivo, pode ser un vieiro pra espertar sentimento nas xentes da nosa Terra, vellas ou novas. Onte me chamou Xoana Torres emocionada, pra me decir que grabarán un disco co poema enterio. Chamaba tremente do sentimento que n-ela espertóu a tirada dos 7 poemas coa sua ladaíña final. Aínda non-o escoitei, si ben outros grabados en Bos Aires, do mesmo canto a Castelao anticipáronme xa unha noción dos valores que se puderan extraer d-un recitado a varias voces e con música axeitada. Este disco de Xoana Torres aínda non ten música. Mañán escoitareino pol-a tarde en Samil, onde agardo a poetisa.
Confirméi como me anticiparas o gran efecto que fai no libro a sinfonía de mulleres chorosas, debida ao gran Arturo Souto. Ainda me quedóu algunha máis sin incorporar ao libro. Afradecereiche que cando che veña ben me envíes os orixinais, pois algún tivo que sair do seu marco, onde o están agardando.
Tamén foi un acerto encomendar a Xosé a portada xa que de Seoane non se podería recibir a tempo. No trazo lembra o sangue paterno, que a mellor caste de que o artista novo pode sentirse fachendoso. Dalle a miña aperta coas gracias mais quentes.
E agora, si podees manda que remitan algúns exemprares mais. Mandéi un aos do “Faro”, a pedido d-eles, do que ainda non dixeron nada. Outro saíu pra New York, destinado a Emilio González López. Outro a meu fillo, e algúns mais a compromisos apremiantes. Algunha xente máis agarda.
Hai catro días pasóu coma un foquete Norberto Frontini. Pudo atoparme en Pontevedra, onde o levei a xantar no Parador, por afinidade artística. Falamos moito e anuncioume que ainda seguirá por Europa até finales de Marzo. Supoño que o atoparías na Cruña, a onde se dirixía no seu pequeno carro pra te atopar con Seoane.
E abonda pol-o d-agora. Outra vez moitas gracias e con Mimina no feixe, longa e fonda aperta de,
Valentín
Vigo, 28 de xaneiro de 1975