Aventura mundial da lingua
26/07/2012
“Da Galiza recibimos -escribiria Theófilo Braga- lingua, poesía e aristocracia”. Mentras a Reconquista progredía a lingua iba espallándose pol-as terras do Poente ibérico. Por unha banda, os macizos de Castela, onde toda posibilidá de espandimento acabara. Por outra a infinitude do océano, aberta a moitas ainda veadas infinitudes.
Dende a ourela do Douro, vixiada pol-as almeas do Castelo de Guimarâes, o avance do galego proseguíu até a Ponta de Sabres, cravada no rosa náutica por Henrique O Navegador. Mais a xeira non chegara d-aquela nin a mitade do camiño.
Despois viría o lanzamento sobre os espazos ignotos. Após do drama das armas sebastianistas na Africa, ou pol-as roitas das Indias orientales e occidentales, con mariñeiros, capitáns, descubridores barbudos, misioneiros alumeados, conqueridores e poboadores, o galego convertíuse en verbo da epopeia marítima e do Impero de Portugal. Eis-a grandiosa aventura mundial que viña chamado a correr o primoxénito do latin.
Con ela fíxose adulto como idioma do mundo moderno. Do mundo que nacéu das Descobertas, en sorte parella co castelán. Non se pode esquecer que despois, a existencia externa do galego resultou condicioada pol-o fondo ecolóxico e vivencial d-outras terras, outros climas,outras razas... E que un idioma “est né de la vie, comment la vie, aprés l'avoir créé, l'alimente”. (Henri Berr)
Non podían deixar de producirse influxos, e adaptacións, chamados a disminuir a identidade formal, entre a ponla primitiva e a fortemente evolucionada e longal. Mais unha e outra pertencen ao mesmo albre lingüístico. As diferencias de fonación ou de grafía non son barreira infranqueable pro entendimento recíproco. Non anulan, nin moito menos, o valimento do sistema común, nin como meio de comunicación nin como “outillage mental” da cultura.
Sô desrespeitando o resultado histórico de tan fecunda andadura, se pode deixar de comprender que hoxe pouco representa o destiño autónomo da fala galega. O que iporta, por enriba de todo é o destiño do conxunto da lingua galico-portuguesa. A integración e desenvolvimento dun dos grandes dominios lingüisticos da civilización altántica.
Fragmento de "A evolución tras-continental da lingua galaico-portuguesa"
Editado en "O provir da lingua" Lugo 1968