Diarios de viaje de Valentín Paz-Andrade
10/01/2013
Un libro inédito de Valentín Paz Andrade que leva por título Diarios de viaje pechará o ano editorial de homenaxe ao escritor pontevedrés. Formará parte da Colección Rescate de Alvarellos Editora, nunha edición que está ao coidado da historiadora Emilia García López, responsable da Área de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega. En febreiro estará á venda en librarías e tamén a través da tenda en Rede de alvarellos.info.
Diarios de viaje contén trinta textos escritos por Paz-Andrade entre 1945 e 1955, elaborados durante as súas viaxes por América como técnico da FAO para misións internacionais e como especialista en economía pesqueira. Arxentina, EE UU, México, Chile, Colombia ou Brasil, foron algúns dos países visitados.
Das súas estadías neses lugares, en cidades como Nova York, México DF ou Cartagena de Indias, deixou escritas unha serie de crónicas onde describe e reflexiona sobre as paisaxes e as xentes que ía atopando no seu camiño ao outro lado do Atlántico.
Os texos apareceron entre toda a documentación persoal que custodia Pilar Rodriguez de Prada, viúva de Valentín. De algúns tívose noticia hai menos dun mes e foron descubertos por Emilia García mentras facía a dixitalización do fondo do autor para o Consello da Cultura Galega. A historiadora, que avanzou os contidos desta obra durante o Congreso Valentín Paz-Andrade, afirma que neste inédito "descubriremos a un Paz-Andrade íntimo, viaxeiro anónimo. Cunha prosa riquísima, chea de matices, de poesía, de descricións moi potentes e suxestivas, e con referencias continuadas a Galicia".