Exposición "A Galicia do Galicia (1922-1926)"
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado na edición deste ano á figura do político, empresario, investigador, poeta e editor Valentín Paz Andrade, a Fundación programa a exposición A Galicia do Galicia (1922-1926), na súa sede da Coruña dende o mércores 2 de maio até o 1 de xullo.
Valentín Paz Andrade é chamado para incorporarse ao exército no ano 1921 e parte do porto de Vigo rumbo á fronte de guerra no norte de África. Ao ano seguinte, por mor dun problema de saúde regresa repatriado a España e é ingresado no Hospital da VIII Rexión Militar na Coruña onde coincide co poeta de Rianxo Manuel Antonio. É nesta época cando Valentín Paz Andrade, xunto a Antón Villar Ponte e Xosé García Acuña, animados pola achega económica do cónsul de Chile en Vigo, Ernesto Cádiz Vargas, dan forma ao proxecto dunha cabeceira xornalística, subtitulada Diario de Vigo, que pretendía ser un xornal de toda Galicia cun espírito liberal, independente e galeguista. Entre o 25 de xullo de 1922 e o 15 de setembro de 1926, Galicia contou cun xornal moderno que, dende o ilusionante comezo da súa andaina até a súa abrupta desaparición, prestou atención á composición das súas páxinas, á opinión crítica presente nos seus editoriais, sección que só se facía con regularidade en El Sol,e ao humor, probablemente caso único en toda a prensa peninsular da época, onde a caricatura funcionaba como contrapunto ao editorial.
Outra das achegas que o Galicia incorporou á prensa galega foi, xunto á insólita apertura franca aos artigos en galego na prensa diaria da época, a de contar, de maneira esporádica ou permanente, cun relevante equipo de colaboradores autóctonos (“As mellores plumas do país” dicía Valentín Paz Andrade) entre os cales salientan personalidades do talle de Alfonso Daniel R. Castelao, Manuel Antonio, Vicente Risco, Rafael Dieste, Antón e Ramón Villar Ponte ou Luis Ksado. No xornal naceron varias das series gráficas e literarias de Castelao, como Cousas da Vida, Os Homes ou Os Cegos, Retrincos, etc., as Lerias de Risco, as crónicas de Ramón Otero Pedrayoasí como outras colaboracións non por pouco coñecidas menos notables, como as do arquitecto Antonio Palacios ou Amor Ruibal.
O Galicia. Diario de Vigo converteuse, malia a súa curta existencia, no máximo referente modernizador nos eidos xornalístico, intelectual e artístico na Galicia da década dos anos 20 e as súas páxinas gardan sen dúbida moitas das claves para entender o noso ser común.
A mostra, a través de debuxos, carteis, documentos, publicacións, cartas, obxectos persoais, fotografías, audiovisuais e caricaturas, a maioría inéditos, e exemplares orixinais, rende homenaxe a unha das cabeceiras de prensa máis avanzadas e significativas da historia xornalística de Galicia.
Esta exposición, producida pola Fundación Barrié e comisariada por X.L. Axeitos, secretario da Real Academia Galega, conta con préstamos procedentes da propia Real Academia Galega, o Museo de BBAA da Coruña, a Colección Novagalicia Banco, coleccións particulares así como con fondos propios da Fundación Barrié.
+ info: