Homenaxe a Valentín Paz-Andrade na Fundación Sales
01/10/2012
O pasado vernes 29 de setembro celebrouse unha particular homenaxe a Valentín Paz-Andrade. Un recital poético a cargo do grupo Gnomon e de Míriam Rodríguez, Jessica Casal e Alejandra Álvarez que recitaron, cantaron e bailaron algúns dos versos de Valentín.
Romance da moza e do mar
I
Ai! miña nai, querida,
pomba de fume e la,
fuxir da serra quero,
lévame a ver o mar!
Flor de fronteiras verdes
pechadas sobre o val,
luz de ribeira anhelo,
lévame a ver o mar!
Meus anos esmorecen
entre a corte e o nabal,
Teño soños azuis,
lévame a ver o mar!
Sinto no sangue novo,
as saudades de alá,
as ondas nos ouvidos,
lévame a ver o mar!
O mar, o mar, o mar...!
II
Miña nai, coma rosa
inverneira no vran
pra derreter as neves
lévame a ver o mar!
Agora que son moza
teño sede de sal,
teño fame de cores,
lévame a ver o mar!
A copa núa dos peitos
abrir hei na mañá
ao namoro dos soles,
lévame a ver o mar!
Para os meus pés cobizo
a nudez do areal,
para o meu corpo as ondas...
Lévame a ver o mar!
O mar, o mar, o mar...!
[Pousa Nova do Mar, Samil, 1974]