Hoxe, no día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, preséntase “Valentín Paz-Andrade. Biografía e antoloxía” de Charo Portela Yáñez.
O libro, que inclúe un relato ameno e detallado sobre o escritor e empresario, foi presentado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e na que tamén participaron a autora da obra e o responsable de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.
“Un paso adiante” na posta en valor do Paz-Andrade
O secretario xeral referiuse á publicación sobre Valentín Paz-Andrade como “un paso adiante na difusión social da vida e da obra do escritor e empresario, especialmente entre público infantil e xuvenil, xa que constitúe unha ferramenta excelente para lles achegar esta figura aos máis novos, pero que tamén constitúe unha fonte de información útil e de interese para calquera persoa que queira facer unha primeira aproximación ao autor”.
Os lectores poderán realizar a través deste libro un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Valentín Paz-Andrade, mediante documentos, fotografías e unha completa cronoloxía cos principais episodios do escritor e empresario. Ademais, tamén se inclúe unha antoloxía de poemas e artigos ilustrados con debuxos de Jaime Asensi.
A festa das Letras Galegas
Unha extensa axenda de actividades e publicacións promovidas por asociacións, escolas, empresas e institucións diversas celebra desde comezos deste ano o Día das Letras Galegas 2012. A Xunta de Galicia, como xa o vén facendo de maneira habitual, únese tamén a este festexo apoiando diversas iniciativas que contribúen a un maior coñecemento do autor ou autora homenaxeado.
No caso da celebración deste ano, Anxo Lorenzo recordou a aposta da Secretaría Xeral de Cultura por iniciar a posta en valor de Valentín Paz-Andrade “a través dunha ferramenta fundamental” como é o web oficial do autor (www.valentinpazandrade.es), impulsada en colaboración con Industrias Pesqueras e presentada o pasado mes de febreiro xunto coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o fillo do escritor, Alfonso Paz-Andrade.
+ info