Nova edición facsimilar de "Galicia como tarea" de Valentín Paz-Andrade.
A presentación da reedición facsimilar de “Galicia como tarea” de Valentín Paz-Andrade centrou os actos institucionais para a celebración do Día do Libro. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo presentou a publicación que editou Xerais nun acto que coincidiu tamén co nacemento do escritor. “Galicia como tarea” é unha das obras máis aplaudidas de VPA, explicou o conselleiro de Cultura e Educación, quen definiu o libro como “un ensaio da economía e cultura de Galicia que viu a luz en 1959”
Mentres no exterior do edificio administrativo da Xunta en Vigo se concentraba un grupo de manifestantes, Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, destacaba “isto é Vigo, este é o punto máis dinámico, mais enfurecido, tenso e creativo de Galicia. De aquí partiron todas as novidades, todas as ideas, incluso a idea de escribir libros en galego. Aquí naceron as grandes empresas e as grandes sínteses ideolóxicas. Aquí se fixeron as grandes propostas de renovación e transformación de Galicia. Unha delas está esencialmente neste libro, que ven sendo un guiño a outro anterior “España como problema” “Un libro espléndido que se escribe na segunda etapa de Valentín Paz-Andrade, porque na miña opinión hai un Valentín previo que termina en 1936” explicou Ferrín. É en “Galicia como tarea” onde Valentín Paz-Andrade propón unha Galicia dona de si mesma, mais non pode selo se non o é economicamente”
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, definiu “Galicia como tarea” como un libro singular e pioneiro. “Singular porque apenas ten nada detrás del e que sen embargo tivo moitas dificultades para ter continuadores”. “Pioneiro porque nun momento difícil e nun contexto cultural tamén difícil, Valentín fai unha interpretación nova fronte ao que chama interpretación caduca de Galicia”. Neste sentido Villares cualificou a obra como novidosa xa que “vincula a situación económica de Galicia co contexto das novas economías rexionais do momento; coa oportunidade de ter novas fontes enerxéticas, coa combinación de fontes de financiamento públicas e privadas”. Villares destacou o feito que Valentín Paz-Andrade incluíra un apartado cultural nunha obra de forte compoñente económico. “Trátase dunha aposta coherente xa que considera a cultura propia como a posibilidade de ter unha marca e a lingua propia como unha lingua coa que relacionarse con 70 millóns de habitantes -que hoxe son 230 millóns-, os falantes da lingua portuguesa”. Neste ano que a RAG lle adica o día das Letras Galegas a Valentín, o presidente do Consello da Cultura Galega recoñeceu que “é hora de voltar a Valentín non só como poeta e xornalista senón como deseñador dun programa económico, político e cultural para Galicia. “En “Galicia como tarea” se presenta unha busca dun destino colectivo, unha tarefa que debe facerse e refacerse todos os días”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo aludiu ao feito que “Galicia era para Valentín Paz-Andrade unha utopía realizable pero que nunca se sentiu preso dun destino aciago, nunca claudicou e quizais unha das súas principais virtudes radica na súa constante ilusión para buscar e atopar novos camiños fronte as adversidades”. “Galicia non era unha mera referencia para Valentín, senón un estímulo permanente”. Destacou que foi precisamente na cultura onde atopou a forza “Soubo que as grandes obras non se sosteñen soamente en criterios políticos ou económicos senón tamén en pautas que alimentan o espírito”. “Entendeu que a supervivencia dos galegos como pobo diferenciado non depende só da existencia das institucións nin de proxectos empresariais frutíferos senón tamén da presencia permanente dunha cultura propia, dunha cultura viva, nun ensaio, nunha novela, nunha poesía ou nun encontro no café Alameda”. Feijóo destacou que “hai unha lección impagable de Valentín Paz-Andrade: hoxe seguimos a necesitar soños e por iso manter viva a memoria de Valentín é como manter un faro que nos orienta nas dificultades. É a súa memoria material, estética, pero sobre todo moral a que os galegos debemos gardar”
Por último, Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín recoñeceu o labro das institucións participantes na recuperación da figura de Valentín e recordou que “tiveron que pasar 25 anos do pasamento do meu pai e máis dun século do seu nacemento para que a sociedade, o goberno e as autoridades académicas o nomeasen xa que moitos decidiron esquecelo antes que estudalo”. “Por iso a miña gratitude como galego, máis que como fillo, por dar a coñecer unha figura tutelar do pensamento galego”