O encontro no Alameda.
15/02/2013
De esq. a dta. Celso Collazo, Manuel Prego, Valentín,
Alfonso Paz-Andrade, Xosé Ramón e Antón Beiras. Ca.1950
Mais por sinxela e por espontanea conxunción de afinidades, penso que compre lembrar un nucleo coallado en Vigo. Formóuse con asentamento no Bar Alameda, decorado por Feduchy. Diseñóu a mobilia e pintóu un mural. A tertulia duróu perto dos vinte anos, desde o quinquenio segundo dos coarenta. Escomenzóu sendo un lugar de acougo fío-intelectual de inconformistas, converxentes en horas de ociosidade pol-as atraentes condicións do lugar.
Guillerpe Puime Queimadelos era o primeiro en chegar. Facía-o por simpatia ao grupo, sin outras afinidades. Vivía na casa contigua, da que rea dono. A mesma na que a miña muller e eu, xa con noso fillo, morabamos. Alí acudía sempre Carlos Maside. Despois chegaban Laxeiro, Urbano Lugrís, Amaro do Sacramento Monteiro -Consul de Portugal-, Arturo Moratoio -Consul de Uruguay-, Celso Collazo, Emilio Alvarez Blázquez, Antón Beiras, Antonio Bugallo, Virxilio Blanco, Prego de Oliver, Mario González...
Algunhas noites tamben asistian Otero Pedrayo, Dario Alvarez Blazquez, Casado Nieto, Anxel Fole, Paco del Riego, Javier Andrade, Alberto Casal... As conversas incidian logo sempre en temas da cultura galega, literaria ou artística. Non somente a que se desenvolvía estreitamente no pais. Tamben circulaban as novas chegadas dos exilados galegos en Bos Aires, Montevideo, México, Brasil...
O clima que a xuntanza foi creando seria marxinalmente compartido até pol-os donos do establecimento. Fixeronlle encargo a Laxeiro de un mural, que pasóu a dcorar o vestíbulo. Chegaron a Orgaizarse saidas en grupo, incluindo as donas, a mosteiros, pazos e lugares escollidos do pais: Carboeiro, Armenteira, Poio, Oca, Santa Cruz de Ribadulla, Lantañón, Combarro...
Non era pouco, cando a xente tiña que se gardar dos seus sentimentos, manter os da galeguidade a cara descuberta. Chegóuse a mais. Un dia Manolo Prego falóu de un artesano de Ourense que, ademais de lápidas para camposantos tallaba santos de pedra e frisos escultóricos. Encarregamoslle que cando voltara a cibdade das temas truxera fotografías de algunhas de aquelas pezas. Foi de tal xeito como se descubríu e valoróu a obra de Antonio Faílde Galgo. Despois organizóuselle unha exposición en Vigo das suas esculturas en pedra. A sorpresa foi confortadora e o trunfo redondo. O de Faílde era un cincel temperado na mellor tradición do romanico galego, que arrinca do Mestre Mateo.