Por cen chaves de sombra, cal mensagen no chan.
09/07/2012
Foi o primeiro título do poemario que posteriormente se editaría como Cen chaves de sombra.
A obra preséntase dividida en catro libros que se compoñen dunha colectánea de versos escritos en diferentes épocas, desde os días de desterro da Serra de Queixa até os compostos durante os anos de transición política logo da morte de Franco.
A capa foi deseñada polo seu amigo Luis Seoane e prologada por Lorenzo Varela, quen non vería xa o libro impreso.
“Paz-Andrade é un poeta cívico que non arrenega dos seus sentimentos de poeta lírico (penso que é imposíbel hoxe o un sen o outro). O seu galego é un idioma con arrepíos, con frouseiras que o levan a barlovento, escorado, no lombo do mar céltico que se dispara camiños dos mundos. E sempre, sempre, sempre, en Galiza. (...) Para poñer en claro eu diría que son poemas a nivel do home. Débense dicir dúas palabras encol da técnica, asegún a tradición. En Paz-Andrade, desde o romance até o verso sen lei, todo ten xeito de norma, camiño, rede que vai en percura da colleita, de seitura menor, que non é a que rende máis senón a que premia mellor”
Lorenzo Varela
Reproducido en Biografía de Valentín Paz-Andrade. Xan Carballa.
A praia ferida
Aló de fóra... as illas ciciantes,
almeas estantías no limiar,
entre azues bocainas remoentes.
Na mao de dentro de tí,
deitado sono dos anxos das areas
cuncha en orella de longal haliotis,
labrada co cinzel da ola constante
no devalar dos séculos de sílica.
Tua primeira vida no relembro...
calada vida intánxil de Samil.
Tempos despois virían,
mexidos por cobizas amarelas,
nos que virar a praia viraría
peito de mar magoado pol-o arrizo
de ventureiros hominales vultos
con teodolite a mao e gravatiña.
Lucirás en pechada soedade,
cal tesouro de fadas malgardado,
cando fixen meu niño en tua ponla.
Eras da Natureza
o preludio de Quinta Sinfonía,
clave de ceu e mar en ré maior,
pentagrama dos ventos que desfollan
as pétalas da escuma.
Malia as maos que estragaron
o galbo pristinado da tua comba,
cuia liña axustaran na alborada
os compasos de Deus!
As maos de dedos tropegos que o arte
do divino modelo desfixeron,
e no fanal da Ría,
os horizontes líquidos tupiron
con gaiolados blocos de cimento
que esnaquizan espellos na paisaxe.
Aí, Illa de Toralla!... desillada
por rabo longo de concreto en ponte,
Até a perder terías
no pulo da mimética arroutada
a túa inxele maxestá de illa,
con sua imaxe ceibe de nacencia,
pra ser agora dun arrañaceos
palmatoria de terra.
Navegada por quillas e por liras,
bahía sn bahianos amadores
do herdo recibido.
Bahía dos cantadores treizoados,
Martín Codax, Meendinho, Joan de Cangas...
ondas do mar de Vigo,
ondas que grandes son para o tamaño
dos que leer deberían,
no alfabeto da bris e das marés
versícuos da cósmica elexía
Valentín Paz-Andrade
Cen chaves de sombra