Presentación do 50 aniversario do Día das Letras
www.realacademiagalega.org
No transcurso do acto, presentáronse as actividades que a Real Academia Galega ten programadas para este ano 2012 en conmemoración do 50 aniversario do Día das Letras. Autoridades e representantes das entidades colaboradoras participaron da rolda de prensa no salón de actos da Academia.
Asistentes á presentación dos actos conmemorativos do 50 aniversario do Día das Letras.
Abriu a xornada o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, salientando a importancia e a vitalidade do Día das Letras na nosa sociedade, pois este acontecemento constitúe, nas súas palabras, "a maior festa cultural de Europa." Ademais, gabou o papel da Academia no transcurso destes cincuenta anos "por ter iniciado esta efemérides en tempos bretemosos ata chegar ao facho en que, grazas á teimosía do pobo galego, se converteu hoxe en día".
O acto, que tivo unha importante cobertura informativa, contou coa presenza e coa intervención de Valentín García Gómez, Director Xeral de Política Lingüística e Enrique Salvador, concelleiro de Medio Ambiente do Concello da Coruña, ademais de representantes das empresas colaboradoras.
Identidade oficial do 50 aniversario do Día das Letras.
O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo, agradeceu a participación das entidades colaboradoras no proxecto e pasou a detallar a relación das mesmas, nomeadamente: Gadisa, Repsol, CRTVG, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, ANABAD Galicia, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Artes Gráficas, Asociación Galega de Deseñadores, Asociación Galega de Editores, Asociación Profesional de Bibliotecas Municipais, Federación de Libreiros de Galicia, Concello da Coruña e Xunta de Galicia.
A seguir, Xosé Luís Axeitos expuxo tamén a programación completa do cincuenta aniversario do Día das Letras:
1.- Un Libro gratuíto para o conxunto de estudantes de Bacharelato de Galicia no que se fará un retrato e valoración sintética de cada personaxe homenaxeado. Esta iniciativa foi patrocinada por Gadis e Repsol, que continúan, deste xeito, a súa liña de colaboración coa Real Academia Galega, segundo lembraron o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo Arenas, e Antonio Cortés Lobato, director de márketing de Gadis.
2.- Cincuenta microespazos realizados pola TVG que se emitirán a partir do día 17 de maio. Neles, cincuenta académicos glosarán, por espazo dun minuto, unha das figuras homenaxeadas. A directora-xerente da CRTVG, Rosa Vilas, presentou este proxecto que inclúe, tamén, o filme documental Galicia letra a letra con entrevistas e actos diversos que amosan a construción colectiva da festa das Letras Galegas.
3.- Suplemento que distribuirá La Voz de Galicia, ilustrado e de contido celebratorio. En nome do xornal falou o seu director, Xosé Luís Vilela, manifestando vontade de proseguir co apoio á difusión do Día das Letras, como vén facendo este diario desde 1963.
Dous carteis da colección dos 50 días do Día das Letras Galegas. Á esquerda, dedicado a Rosalía de Castro, con texto de Teresa Moure e deseño de Daniel Costa. Á dereita, cartel para Roberto Blanco Torres, con deseño de Xosé Teiga e texto de Anxo Angueira.4.- Mil coleccións-exposicións de cincuenta carteis e edición dun libro conmemorativo para distribuír en librerías, institutos e bibliotecas. Para este proxecto cóntase coa colaboración da Asociación Galega de Deseñadores (DAG), Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELGA), Asociación Galega de Artes Gráficas, Asociación Galega de Editores, Federación Galega de Libreiros, Torras Papel/Norte Papel, Asociación Profesional de Bibliotecarios de Galicia, ANABAD e do xornal Faro de Vigo. En nome deste último, falou o seu xerente, Xaime Abella, que informou da vindeira publicación dun cartafol e un suplemento en conmemoración desta efemérides.
5.- Acto cívico conmemorativo na praza de María Pita da Coruña que se celebrará o 16 de xuño, contando coa asistencia do Presidente da Xunta de Galicia e dos alcaldes de todas as cidades e vilas onde naceron os homenaxeados das Letras Galegas. Neste espazo emblemático da cidade da Coruña, sete grupos de alumnos de sete institutos do país esparexerán sete materias simbólicas: o alumnado de Padrón traerá pétalos de camelias apañados na Casa de Rosalía; os escolares de Ponteceso espallarán arume arpado apañado a carón da casa de Pondal; de Celanova achegarán terra da horta de Curros Enríquez; os estudantes de Cambados esparexerán area recollida a carón da casa de Ramón Cabanillas; de Rianxo chegará auga salgada traída da ribeira, ao pé das casas de Castelao, Dieste e Manuel Antonio; de Mondoñedo recibirase auga doce da Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro e, por último, os alumnos do Courel participarán con herbas procedentes da horta da casa de Uxío Novoneyra.
Tras as intervencións de Antonio Cortés Lobato, director de marketing de Gadisa; César Gallo, vicepresidente da Fundación Repsol; Rosa Vilas, directora-xerente da CRTVG; Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e Xaime Abella, xerente do Faro de Vigo, que salientaron a función normalizadora destes 50 anos do Día das Letras Galegas, o presidente da Academia, Méndez Ferrín, expresou o seu agradecemento por este valioso apoio de parte do empresariado galego á Academia. Para concluír, manifestou a arela, por parte desta institución, de que se constitúa, nun futuro próximo, unha Asociación Protectora da Real Academia Galega.