Presentouse "Pranto matricial na voz do seu autor"
13/7/2012
O Consello da Cultura Galega presentou onte en Rianxo unha edición especial do poemario Pranto matricial que inclúe unha gravación da voz do seu autor, Valentín Paz-Andrade. A publicación integra os textos “Pranto polo amigo Daniel”, de Ramón Villares, o estudo introdutorio “Paz-Andrade, os galeguistas, Bos Aires e Pranto Matricial”, de Afonso Vázquez-Monxardín, o facsímile de “Pranto Matricial” en galego e castelán e o CD coa gravación dos seis poemas que o autor fixera en 1957 nos Estudios San Martín en Bos Aires.
Durante a presentación, Alfonso Vázquez-Monxardín, responsable do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, recoñeceu a importancia dos rexistros conservados nos centros galegos do exterior, en concreto o de Bos Aires que permitiu conservar as voces de Dieste, Tafall, Ramón Valenzuela ou, neste caso, a voz de Valentín.
Miguel Anxo Seixas afirmou que entre todas as homenaxes rendidas de distintas formas a Castelao destaca de forma especial a homenaxe de Valentín, quen non só o acompañou en vida senón na morte co seu Pranto Matricial e con artigos como “El hombre y el artista” que serían o xermolo da última gran obra de Valentín e o último gran homenaxe ao rianxeiro, a biografía Castelao na luz e na sombra. O fillo do homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade, insistiu especialmente na eficacia da obra, no carácter cívico do poemario adicado a un home transcendental na historia de Galicia.
A continuación Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega defendeu que Pranto Matricial era ante todo un libro valente, e calificou a publicación da súa primeira edición como todo un acto de valentía xa que máis que un tributo a un amigo, converteuse nun tributo a unha figura que representa a alma enteira de un pobo.
O alcalde de Rianxo clausurou o acto e deu paso aos rianxeiros e rianxeiras que recitaron o poemario.