Valentín Paz-Andrade e Isaac Díaz Pardo, emprededores
Grial nº193
A Real Academia Galega vén de dedicar o Día das Letras Galegas deste ano a Valentín Paz-Andrade (1898-1987). Hai pouco que nos deixou outro dos grandes: Isaac Díaz Pardo (1920-2012). O número 193 de Grial dedica o seu monográfico a estes dous persoeiros da cultura galega, mais dende una óptica distinta. Ambos os dous teñen méritos abondo no mundo da creación intelectual e artística, o compromiso político (o galeguismo) e a memoria histórica. Os ensaios que presentamos abordan aspectos novos: o empresariado, as experiencias económicas que ambos os dous ensaiaron e que deixaron profunda pegada no tempo que lles tocou vivir: Pescanova e a industria do mar no caso de Paz-Andrade; o Laboratorio de Formas e a experiencia de cerámicas de Sargadelos no caso de Díaz Pardo.
En vida foron amigos, compartiron experiencias e angueiras, mesmo algunas frustracións. A historia da cultura galega do século XX vén despedindo dun tempo para acó os seus grandes persoeiros. Os ensaios que se recollen neste número da revista intentan un enfoque diferente do feito cultural, pero que nos parece fundamental: a cultura vista dende a ollada da economía, a organización do traballo, a explotación da riqueza e os recursos naturais, o I+D, a xestión do coñecemento… Pescanova revolucionou o xeito de extracción e manipulacuión do peixe nos anos 60 do pasado século. Detrás estaba o estudo e o coñecemento do mar como riqueza, vocación histórica da cultura galega do traballo. As cerámicas de Sada e Sargadelos significan a incorporación do valor engadido da identidade (a simboloxía das formas da cultura) á calidade do caolín galego.
¿Qué entendemos por cultura? O conxunto de respostas creativas que un grupo social (unha empresa, un equipo de traballo, un país) é quen de elaborar dende si mesmo, xestionando información e coñecemento, para actuar sobre o contorno e establecer procesos de transformación: no ámbito da creación estética, no ámbito dos usos e os comportamentos sociais, no ámbito das ciencias e da tecnoloxía, ou no ámbito da economía, a organización do traballo e a iniciativa empresarial.
A empresa tamén é cultura. Facer empresa ao servizo dos intereses dun país significa comprometerse tamén cos seus procesos de renovación e modernidade. Con estes planteamentos presentamos cinco ensaios e dous documentos. Xan López Facal reflexiona sobre o pensamento económico de Paz-Andrade, Uxío Labarta sobre a significación das súas propostas na renovación da industria do mar, Fernando Salgado contextualiza as experiencias das cerámicas de Sada, La Magdalena (Arxentina) e Sargadelos, Xosé A. Fraga propón un percorrido histórico sobre a significación da ciencia, a tecnoloxía e o galeguismo, e Ramón Villares presenta dous documentos que Isaac Díaz Pardo e Valentín Paz-Andrade desenvolveron arredor de 1959-1960 sobre a significación da economía e a organización empresarial.
Fonte Editorial Galaxia