Valentín Paz-Andrade no foro "Proxéctate en galego"
29/10/2012
Charo Portela, biógrafa e gran coñecedora da figura de Valentín Paz-Andrade, falou o pasado sábado na Casa do Saber de Lugo sobre “a riqueza e o potencial lingüístico de Galicia en Valetín Paz-Andrade”. A conferencia enmarcouse dentro do foro interdisciplinar “Proxéctate en galego”.
É ben sabido que un dos temas que máis lle preocuparon a Valentín era o do porvir do galego e a súa utilidade como lingua internacional. Asumiu unha postura eminentemente práctica: o futuro do galego pasaría por reivindicar a comunidade lingüística que conforman Galicia, Portugal (e as súas colonias) e Brasil, pasando así de falar dunha comunidade de tres millóns de persoas a falar dunha comunidade de máis de douscentos millóns de falantes.
Para el, a potencialidade do galego como lingua de comunicación internacional era innegable e así o afirma en “O porvir da lingua galega” 1968:
"O problema da marxinación de Galiza podería mudar se fósemos homes dabondo para ligar o problema do idioma a un pensamento social moito máis que á reacción sentimental. Fai falla escomenzar poñendo en destaque, entre os valores que a nosa lingua conserva, a súa capacidade como “medio de comunicación”. Chegou o intre de cifrar a importancia do idioma –mais que na súa orixe e os seus servizos á creación literaria ou histórica-, no censo de persoas que valéndose da ferramenta verbal recibida no lar, poden entenderse polo ancho mundo."