Índice
Loa a Valentín Paz-Andrade por Lalo Vázquez Gil
Iste é Valentín, Don Valentín, Don Valentín Paz-Andrade.
Valentín de valente, de amor, de afectos xenerosos.
E Paz de reflexión; a que da loita sae; a que emana da constante procura da xustiza, da liberdade e do orde.
Andrade ven de “andros”, home en tódolos xeitos.
Porque ser home, “andrade”, é ise xesto a cotío, trementdo, de axustar a conducta ós principios da propia honestidade, ós principios de amor polas virtudes do civismo constante, de render sempre, a bao, na entrega cara ós outros e sentir, no máis fondo das vivencias, arelas de xuntanza cos que teñen o mesmo berce e fe, lingua e cultura, nunha comunidade histórica, e non lle dar sosego endexamáis á actividade humana na búsquedad teimos do día en que se cumplan os desexos máis nobles.
E isto, o home Valentín Paz-Andrade teno cuberto, abondo, no que facer copioso da súa vida.
O Concello vigués, hoxe, no nome da cidade, vai a distinguir a este xenial galego, galego universal, e é xusto que o louvemos.
Faría falla páxinas e páxinas, e imos tentar resumir os seus méritos.
Valentín Paz-Andrade, nacido en Pontevedra, estudante en Santiago e Salamanca, en Vigo radicado é. Máis que todo eso, cidadán de Galicia, e penso que do mundo, a traveso de Vigo.
Difícil reconta-la súa varia obra, protéico creador de múltiples acordes, que abrangue eidos insólitos que van dende a doctrina xurídica á íntima poesía creadora; dende o ensaio económico ós estudos literarios; dende os espallamentos técnicos ou científicos sobre a industria pesqueira ou dereitos da empresa ate o máis ardidoso xornalismo de loita; e, inda máis, á política en col da súa Galicia.
Valentín Paz-Andrade, foi home sobranceiro no galeguismo, amigo dos esgrevios persoeiros e persoeiro el mesmo, nos momentos dificis, na dureza ou desterro e a clandestinidade.
Político de altura, verqueu galeguidade dentro e fora de España, na América galega e na Europa de técnica e cultura.
Especialista fondo en temas tan dispares como o Dereito, a empresa, a industria, as pesquerías, literatura, ensaio, economía, as letras en tódalas facetas, creador a cotío, ten unha dilatada e longa bibliografía.
Se foi considerado por alleos e propios como sabio, e honrado con títulos e cargos, e medallas, e honores poas institucións más serias e polas academias, xusto é que hoxe os vigueses sintamos a orgulleza de telo por viciño. Un viciño de honra, que, por selo, nos honra.
Sirvan estas louvanzas, sinxelas, si, -ferindo a súa modestia- de homenaxe para este home enteiro -Valentín Paz Andrade- rexo, combatente, creador, que ten, tamén, tenrezas e dozuras que lle adica ós amigos
Lalo Vázquez Gil
Cronista oficial da Cidade de Vigo