Índice
Valentín Paz-Andrade por Salvador García Bodaño
Hai uns versos que rematan o poema terceiro do doído Pranto matricial, dedicado “in memorian” a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con quen tivo compartido ilusións e mágoas, nos que o poeta e amigo lembrado fai fermosa profesión das cousas/ nas que os homes deixamos en anacos/ os anacos de i-alma. Recollamos, cordialmente, estas palabras emocionadas para gardarlle fraterna e fonda memoria, pois nelas se contén a máis nidia síntese do espírito que animou o seu pulo vital, dende que o corazón lle comezou a pulsar fóra das entrañas maternas o 23 de abril de 1898 en Lérez, á beira mesmo de Pontevedra, e a onde os seus restos serían levados para repousar eternamente, despois de morrer no Sanatorio de Fátima, en Vigo, o día 19 de maio de 1987. Entre unha data e maila outra, un fecundo periplo de oitenta e nove anos que Paz-Andrade soubo encher con bondade e intelixencia, con xenerosidade e con plural capacidade de traballo que o converteron, ó mesmo tempo, nun home benquerido e admirido polo seu trato humano e polo seu exemplar galeguismo aínda nos tempos máis duros.
Ó tempo de comenzar en Compostela a carreira de leis, no ano 1919, participou xa na II Asambleia Nazonalista Galega e interveu no mitin proxectado para os unicersitarios ounde empezou a amosa-la oratoria apaixonada e vibrante que lle sería peculiar. Daquela, entra en contacto cos persoeiros e os compañeiros que liutan polo fomento e afirmación do movemento autonomista, iniciándose así na defensa e difusión duns ideais políticos que, en máis dunha triste e tráxica ocasión, lle ocasinarán atentados, multas, desterros e mesmo pena de cárcere, pero que a pesar de todo habería manter inalterables ata o derradeiro alento.
Valentín Paz-Andrade, soubo compaxinar e complementar, activamente, o exercicio da avogacía, a actividade económico-empresarial no sector pesqueiro e a dedicación ó xornalismo, ó ensaísmo e á vocación literaria. En 1924, adquire a propiedade e asume a dirección dende Vigo do xornal, liberal e independiente, “Galicia”, no que foi xefe de redacción Roberto Blanco Torres. Despois pasaría a dirixi-la revista “Industrias Pesqueras”. Participou nos programas da FAO (Food and Agriculture Organization), dependente das Nacións Unidas, en distintas áreas de Sudamérica. Tomou contacto cos exiliados e coa emigración no Centro Galego de Buenos Aires, que o convidou en dúas ocasións a pronunciar conferencias, e noutros moitos puntos do continente americano.
As primeiras publicacións que poñen de relevo esta dobre e arraigada vocación, aberta ó eido literario e ó eido económico, discanciaríanse, sen embargo, no tempo para producírense, inicialmente, neste último aspecto, respecto do que cómpre consideralo como un pioneiro dos modernos traballos arredor das cuestóns e preocupacións socioeconómicas galegas, así, os primeiros resultados do seu ilusionado intento de abranguer ese profundo amor en “corpo e alma” que sempre sentiu pola súa patria galega.
Corporalmente, continuando co estudio da súa problemática económica e dando ó prelo -tras dos dolorosos quebrantos da Guerra Civil- obras como a edición chilena de Principios de economía pesquera, á que se lle irían sumando Gaicia como tarea, La marginación de Galicia, El capital como factor de desarrollo, El concepto de zona económica en el nuevo Derecho del Mar...
Animicamente, dende o achegamento á cultura e ó ser lírico de Galicia, aspecto que debe salientarse nesta urxente semblanza, iniciado coa saída á luz pública do breve poemario elexíaco titulado Pranto Matricial, na edición bonaerense de 1954, se ben o impulso poético xa se deixara sentir en Valentín nos días soidosos do desterro perdido alá nas alturas silandeiras da Serra de Queixa. Seguiríanlle os volumes de maior densidade poética Sementeira do vento, onde se atopan os seus poemas máis logrados en fondo e forma, e Cen chaves de sombra, na que o compromiso civil faise máis firme. A Valentín debémoslle, tamén, a entre da detallada biografía de Castelao na luz e na sombra.
Proposto, en 1964, entre outros por Ramón Otero Pedrayo, para ocupa-la vacante de membro numerario na Real Academia Galega producida polo falecemento de Francisco Vázquez Saco, ingresou ó cabo Valentín Paz-Andrade o día de 11 de febreiro de 1978, coa lectura do seu discurso sobre de A galecidade na obra de Guimaraes Rosa, ó que respondeu Álvaro Cunqueiro no acto académico celebrado no Salón de Conferencias da Caixa de Aforros da Coruña.
A súa moderna concepción de Galicia, a dedicación incansable á apertura de novos horizontes para a economía pesqueira do seu país, a súa rica dimensión intelectual e a súa entrañable fidelidade é Galizia, así como o polifacetismo creador e o dinamismo vital, fixeron de Valentín Paz-Andrade un desperto soñador de mundos de progreso que quixo converter en realidade dente aquelas arelas políticas, forxadas xa na loita dos seus tempos mozos, ata quelas outras que virían renova-la súa madurez na reconquista das libertades perdidas e que o levaron a ser elixido senador pola Candidatura Democrática Galega. Como académico, o seu recordo pervive entre todos nós, con fonda gratitude, por ter achegado o seu exemplo, o seu saber e froito dos seus soños literarios ó vello acervo cultural e a nobre herdanza galeguista, que enriquecen a esta casa grande da nosa cultura.
*Publicado no Bolentín nº361 da Real Academia Galega.